«En Celanova, poucos comercios pecharon coa pandemia»

Pablo Varela Varela
p. varela OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Miguel Villar

Mari González, xerente de Celanova Chea, apunta ó compoñente interxeracional como a chave para a continuidade nos negocios minoristas da vila

29 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Mari González Méndez (Celanova, 1980), leva tres meses como xerente de Celanova Chea, asociación fundada en abril do 2018, apenas un ano antes de que se puxese en marcha o Centro Comercial Aberto da vila. «Somos unha agrupación grande, con 120 asociados. E unha cousa sen a outra non funcionaría», apunta.

-Que balance fan do impacto da pandemia no Centro Comercial Aberto de Celanova?

-Aquí, que saibamos, poucos negocios pecharon durante a epidemia de covid-19, e é algo positivo. Só nos consta un, cousa que non pasou en outras cidades e vilas de Galicia.

-Hai algunha razón para explicar esta particularidade na vila?

-Quizais que temos familias moi arraigadas no comercio local. Hai negocios que pasaron dos avós ós netos. Moitos deles teñen local propio, e tamén o orgullo de manter o que os seus antepasados xa levaban adiante. De feito, en Celanova hai familias que levan ata tres empresas diferentes.

-Hai asignaturas pendentes para Celanova Chea no tocante a potenciar o CCA?

-Nós entendemos que o Centro Comercial Aberto ten que ser heteroxéneo, e maioritariamente conformado por comercios minoristas. É un ente para axudar a potenciar os negocios e establecementos locais. Sen a asociación Celanova Chea non sería posible, pero sobrevive grazas ás axudas do Concello. Canto máis asociados haxa, máis aportación nos chega de Comercio.

-Como comezou a súa etapa á fronte da xerencia de Celanova Chea?

-Desde que accedín ó cargo fixemos reunións individuais, citas con cada asociado. O que está claro é que o Centro Comercial Aberto non podería existir se non houbese unha asociación por detrás, que esté funcionando constantemente e que teña un determinado número, como mínimo, de comercios minoristas que se asocien. É bo para Celanova que se sigan sumando máis.

-Que teñen en mente de cara ó Día da Nai para potenciar as compras na vila?

-Xa está en marcha a campaña «Mamá, Celanova quérete, Celanova cóidate». Con aquelas compras superiores a dez euros nos comercios adheridos regálanche unha rifa en bonos de saúde e beleza. A maiores, se vas a comprar o regalo polo Día da Nai, regálanche un tique para recoller unha flor en dúas floristerías asociadas. E na fin de semana, tanto panaderías como pastelerías, tamén terán sorpresas.