O colexio Sacro Corazón de Celanova gaña o concurso de relatos curtos de Coca-Cola

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

CELANOVA

miguel villar

Os alumnos de 2º de ESO convenceron o xurado cunha descrición titulada «Aquela muller»

23 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

No colexio Sacro Corazón de Celanova levan anos participando nos concursos de relatos curtos que organiza Coca-Cola. «Normalmente poñen un estímulo creativo e os alumnos escriben a partir de el», lembra Mónica Caneda, profesora de Lingua do centro. Nunha ocasión foi un compás, noutra unha pequena lousa... pero este ano, ante a imposibilidade de xuntar por centos de estudantes nun recinto, desde o equipo que organiza o certame decidiron propor unha nova categoría. «Tiñamos que escribir unha pequena descrición de alguén», di a docente.

Os doce mozos da clase de 2º da ESO do colexio celanovés inventáronse a unha misteriosa aia á que describiron con todo luxo de detalles en tan só 300 palabras. Aquela muller, así se chama o relato, resultou un dos tres gañadores da edición deste ano. «Quixemos plasmar a impresión que che produce alguén a primeira vez que o ves, por iso é polo que haxa moitos datos físicos pero tamén alusións ao que intuímos da súa personalidade nese primeiro encontro», apunta Mónica. Os pequenos escritores traballaron en equipo, empezando por realizar descricións individuais, para logo mesturalas, modificalas e melloralas no que foi o resultado final. Como premio gozaron este mércores da actuación do ilusionista Borja Montón , creador da canle de Youtube Domina a maxia, que está a piques de conseguir o millón de seguidores. «Para eles foi incrible recibir no cole a Borja e ademais vivir o espectáculo en privado, podendo participar todo o intre coa maxia», afirma a profesora do Sacro Corazón. «Están moi felices de ter gañado e a verdade é que o premio lles encantou», remata. E converteuse en motivación para a seguinte edición. A escribir e ¡parabén!