Formar ao sector turístico local, clave para o geodestino Terra de Celanova - Serra do Xurés

La Voz OURENSE

CELANOVA

Santi M. Amil

O Inorde e os municipios que compoñen o geodestino abordaron o plan de accións para a firma do novo convenio con Turismo de Galicia

09 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O salón de plenos de Celanova acolleu onte unha reunión enfocada ao desenvolvemento do novo plan de accións do Inorde e os municipios que integran o geodestino Terra de Celanova - Serra do Xurés. Ao encontro asistiron o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a xerente, Emma González.

Sobre a mesa está a necesidade de asinar o convenio para este ano 2021 con Turismo de Galicia, para o que se propuxo a aposta por novas accións de promoción da zona, a formación e apoio ao sector turístico local, a atracción de operadores de turismo especializados no territorio e tamén a importancia de dar un paso adiante co uso das novas tecnoloxías.

Fernández reivindicou a provincia de Ourense como «un destino seguro». «A crise do covid-19 pode ser unha oportunidade para dar a coñecer o noso territorio e ofrecer experiencias turísticas en base ó traballo realizado nos últimos anos e ó aproveitamento de productos turísticos xa consolidados». O geodestino Terra de Celanova - Serra do Xurés comprende os municipios de Cartelle , A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.

Previamente, Fernández e González reuníronse por vía telemática con alcaldes e representantes do geodestino Manzaneda - Trevinca para analizar as propostas turísticas de cara a este ano 2021, enfocadas a promocionar os recursos naturais e patrimoniais de concellos como Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.