Máis de 2.500 asinantes piden recuperar o servizo de radiodiagnóstico en Celanova

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

cedida

O Sergas anunciou que comprará un equipo dixital que dará imaxes de máis calidade e aproba unha licitación por valor de 110.000 euros

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A campaña de recollida de firmas nos centros de saúde da Terra de Celanova e da Baixa Limia, para solicitar a reposición do servizo de radiodiagnóstico no centro PAC de Celanova, concluíu coa entrega de máis de 2.500 firmas no rexistro da Xunta. O número de signaturas reflicte a preocupación que a perda temporal do servizo -pola avaría do equipo de raios X- causou na poboación.

Nos seus puntos, os asinantes demandan á xerencia da área sanitaria de Ourense a «restitución do servizo de radiodiagnóstico» no centro de Celanova. O equipo comezou a fallar en xullo e se averió do todo en setembro. Os usuarios consideran que iso provoca «desprazamentos innecesarios» e custosos a unha poboación con moita xente maior e sen medios de locomoción, «un prexuizo pola demora de diagnósticos» e un «agravio comparativo» na carteira de servizos destas comarcas. Usuarios de Lobios ou Entrimo tiñan que pagar taxi ata a capital ou buscar quen os leva; os de Celanova, aínda que a menos distancia, tiñan que pagar aparcadoiro privado, expresaba unha das promotoras da iniciativa. A decisión de recoller firmas tomouse, explica, pola tardanza na reparación e pola falta de información.

Nova sala dixital

Desde o Sergas, informaron onte que se vai comprar un novo aparello de raios X, por licitación pública, e que será unha «sala completamente dixital, con suspensión de chan e dous detectores». O novo equipamento mellorará ao anterior, segundo o organismo sanitario, posto que permitirá obter unha imaxe de mellor calidade, reducir as doses aos pacientes e a reproducibilidad do operador. Segundo o Sergas, as salas dixitais son máis produtivas, o dobre, que as convencionais. A dixitalización directa da imaxe permite que estea antes no sistema de informes que co procedemento CR (de radiografía computerizada). A licitación ten un importe previsto de 110.000 euros, IVE incluído.