Manuel Gil, do Forno do Lito, referente da gastronomía de Celanova

La Voz OURENSE

CELANOVA

Santi M. Amil

O seu restaurante foi durante moitos anos sinónimo de lugar para comer os bos pratos da comida galega tradicional. Recuperou a pata de tenreira á que chamou Pata dous poetas

04 novs 2019 . Actualizado ás 22:26 h.

Foi un referente da gastronomía de Celanova. O seu restaurante, O Forno do Lito, converteuse nun sitio emblemático para comer ben. Comida galega, caseira, cos sabores de sempre, e cociñada con esmero e boa man. Manuel Gil Atrio, Lito, recuperou pratos tradicionais como a pata de tenreira, á que chamou «pata dous poetas» e participou en numerosas citas e iniciativas gastronómicas na comarca.

Tras viaxar por distintos países europeos, recalou en Celanova, onde durante moitos anos deu para comer no Candil. Alí xa cociñaba a súa famosa pata, e o polbo, o bacallau ou as carnes que fixeron daquel restaurante un referente de boa casa de comidas. O salto de calidade deuno co cambio a un casarón, situada na Praza de Cervantes, na zona vella da vila, que restaurou para convertelo, no Forno do Lito, cunha sala ampla e agradable, tanto para comidas de grupos amplos como máis reducidos, atendida pola súa muller, María.

Por alí pasaron a maioría de celanovenses e todos aqueles a quen os locais levaban como invitados cando querían convidar a algún visitante. Tamén persoas famosas que se deixaban caer pola vila,como o entón presidente Mariano Rajoy no ano 2015. Ademais da súa boa man na cociña, Lito tamén era coñecido polo seu carácter. «Rifaba» aos clientes se, ao seu xuízo, non comían ben, por exemplo se pedían a carne demasiado feita para o que requiría o produto. Esas «discusións» convertéronse tamén nun aliciente para algúns. 

Durante a súa enfermidade, o establecemento estivo pechado unha tempada pero recentemente volveuno a abrir o seu fillo.

Morreu aos 66 anos e este martes despídenlle en San Miguel de Espiñoso (Cartelle), onde será conducido desde o tanatorio de Celanova, ás 16.00 horas. Despois será incinerado.