O Curso de Medios Audiovisuais acaba apostando polo talento

Íñigo Rolán OURENSE

CELANOVA

CEDIDA

O obxectivo principal das xornadas formativas desenvolvidas en Celanova era pór en contacto ao alumnado con profesionais do sector audiovisual

13 jul 2019 . Actualizado ás 18:15 h.

O Curso de Medios Audiovisuais que durante esta semana se celebrou en Celanova puxo o punto final á súa edición número dezaseis. Na última xornada, a do venres, proxectáronse tres curtametraxes dirixidas por Aldara Pagán, Pedro Vilas e Diego Markwalder, mozos directores que están a empezar a realizar as súas obras audiovisuais coas que xa están a participar en diversos festivais. Os tres comentaron cos asistentes os retos e as dificultades afrontadas nestes primeiros pasos na dirección. Ademais, tamén se puido ver un adianto da web serie “Destapando Casares”, unha ficción transmedia que está a ser realizada polo alumnado de Comunicación Audiovisual de Pontevedra. Con isto, o curso remarca a aposta polos novos talentos que están a xurdir das facultades galegas. 

O curso estivo dirixido por Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, profesores da Universidade de Vigo. A organización corre por conta da Vicerrectoría do Campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares, que contan co apoio de institucións como a Deputación de Ourense, Agadic e o Concello de Celanova.

Os participantes puideron escoitar a profesionais xa consolidados como Pepe e Jorge Coira, guionista e director respectivamente da nova serie de Movistar+ Hierro e a outros directores que empezaron facendo curtos e agora xa están a dirixir as súas primeiras longametraxes, como é o caso de Xacio Baño e a súa película Trote estreada o pasado decembro. Paulino Pérez comentou en o acto de clausura que a edición deste ano foi moi interesante grazas ao novo formato "sen mesa polo medio" que permitiu aos presente falar e interactuar cos invitados, algo que, segundo o director do curso, falta noutros eventos deste tipo.