Alumnos descobren en Celanova os segredos da serie «Hierro »

Sara Pérez Peral
s. pérez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Íñigo Rolán

Profesionais de referencia do sector audiovisual pasaron polo curso impulsado pola Fundación Carlos Casares

12 jul 2019 . Actualizado ás 11:49 h.

Polo auditorio municipal de Celanova pasaron esta semana algún dos profesionais de referencia do sector audiovisual. Nun mesmo lugar reuníronse a destreza dos expertos e as ganas de aprender dos alumnos, grazas a unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais que impulsa a Fundación Carlos Casares.

Uns dos proxectos presentados foi a serie Hierro , de Movistar +, que atraeu as miradas atentas dos participantes. A serie, creada por Pepe Coira e dirixida por Jorge Coira, proxecta a investigación sobre un crime liderada por unha xuíza, interpretada por Candela Pena, destinada ao Hierro polo seu pasado conflitivo.

Os irmáns Coira, Denís Gómez, Diego S. Staub, Xavi Fonts, Elba Fernández e Araceli Gonda son responsables de áreas como a produción, a música, o son, o casting ou o propio o guion. «Como mola rodearse de xente con talento que fai virguerías», presumía Jorge Coira do grupo co que traballou. O esforzo de todos eles desemboca nun resultado excelente. «Unha cousa que ten Hierro que a fai moi poderosa é un aspecto técnico impecable», afirmaba Diego Staub.