Cuestionan que Celanova comprase unha varredora a unha empresa investigada pola UDEF

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

O BNG critica que non se informase ao pleno sobre os criterios para o gasto de 75.000 euros nesta máquina

23 ene 2019 . Actualizado ás 08:20 h.

A compra dunha máquina varredora para o Concello de Celanova abre a contenda política na vila ante este ano electoral. O grupo do BNG cuestiona, nunha nota de prensa, que non se informou ao pleno do gasto de 75.000 euros nin dos criterios da adxudicación. Tamén mencionan que a empresa adxudicataria, Veicar, está sometida a investigación xudicial e que a a UDEF, das Policía Nacional, incluíuna na operación Enredadera, que saltou o ano pasado.

O grupo nacionalista engade que a empresa que se fixo coa adxudicación da varredora do Concello de Celanova está investigada por outros contratos de maquinaria e servizos a Concellos, entre eles o de Verín por unha presunta irregularidade no 2014, durante o mandato de Jiménez Morán, e a outras institucións como a Deputación de Ourense -pola xestión do consorcio de parques de bombeiros- ou a Xunta. O BNG anuncia que solicitará información detallada sobre esta compra.