Retrato en branco e negro na era móbil

Maite Rodríguez Vázquez
MAITE RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Raigame lembrou a importancia dos fotógrafos ambulantes nunha festa na que as fotos seguen moi presentes

18 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A fotografía foi a protagonista temática da romaría Raigame. Dentro da especial ambientación e animación que cada ano ten a festa etnográfica, a novidade foi o espazo e o tempo que se dedicou á fotografía e aos fotógrafos ambulantes.

Na rúa Celanova había paneis nos que se repasaba a biografía e obra dos retratistas do século pasado e dos pioneiros do XIX, desde o italiano Bocconi Camisani, pasando polo verinés Francisco Zagala ou os Pacheco. Xa no século XX, Xosé Collazo, quen destacaba por coidar a composición, ou os populares Luis Ksado e Rizo, pasando pola norteamericana Ruth Matilda Anderson, o danés Henningsen ou o ourensán Xocas, que traballaron desde un punto de vista xa etnográfico.

O traballo destes fotógrafos constitúe un documento histórico das épocas pasadas. Un dos centros que as custodia é o Museo Etnolóxico de Ribadavia. César Llana, director do museo, explica que elixiron fotógrafos do arquivo do Etnolóxico que tiñan o carácter de ambulantes, como actividade principal ou secundaria, como Rizo ou Salvador en Maceda, ou Chao, en parte, que desde Ribadavia ía os domingos a Avión ou Maceda a facer fotos.

«Son retratos de moitas persoas desde os anos vinte ata case os sesenta. Dá para ver moitas cousas, como vestía a xente, as cuestións técnicas que tiñan que resolver os fotógrafos. Moitas veces cobraban en especie. É unha fotografía da sociedade que non aparece noutro tipo de documentos». Xosé Carlos Sierra, anterior director do museo ribadaviense, di que, como material etnográfico, «a fotografía é a parcela visual do coñecemento; conxela nunha imaxe esa parcela e subministra información, pero é bo combinala con textos, palabras ou obxectos».

O director do Etnolóxico di que, ata os anos sesenta, a fotografía era algo «excepcional», que se facía por algo en concreto. Na era do móbil como dispositivo fotográfico «non lle damos importancia, pero non por iso deixamos de crear documentación», reflexiona Llana. Sierra sostén que «todo é recordo e a biografía dunha persoa é un proceso de construción de memoria con recordos de palabras, contactos, xente e imaxes, e a fotografía que as conxela permite ter un pequeno fósil dunha imaxe pasada».

En Raigame hai quen segue a facer eses retratos, como o fotógrafo minuteiro Santiago Núñez, que instala a súa cámara desde hai anos na romaría. E onte, nesa conxunción de pasado e presente, os asistentes puideron tirar fotos cos seus móbiles ou cámaras modernas posando coas súas cabezas tras decorados antigos nos que podían aparecer como toureiros ou motoristas.

Premio Adolfo Enríquez ao Museo Etnolóxico de Ribadavia

O sol atraeu a centos de persoas ata o burgo medieval de Vilanova dos Infantes (Celanova), convertido no epicentro na provincia de Ourense da etnografía e da música e cultura galegas cada 17 de maio desde hai 17 anos. Os grupos de música e baile tradicional, o teatro de rúa, os postos de artesáns e de comida e a ambientación que proporcionaban vos gaiteiros e pandereteiras que animaban cada curruncho foron, coma sempre, os que deron unha animación especial a esta festa.

A entrega do premio Adolfo Enríquez reuniu ás autoridades para homenaxear ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, recoñecido co galardón creado por Leandro Sánchez, unha reprodución en barro da torre do castelo de Vilanova. Nos últimos anos, o centro ribadaviense ten incrementado a súa colaboración coa romaría Raigame e, desde o ano pasado, está instalada a sala de cine Carlos Velo, onde se proxectan documentais e películas etnográficas. Onte proxectáronse Miss Leyda e Galicia e Buenos Aires, de José Gil. Llana agradeceu o premio e a «xenerosidade do Centro Cultural Xaquín Lourenzo e Raigame que nos dan a oportunidade de colaborar con esta manifestación e de que o museo sexa coñecido. Aquí estamos encantados de estar», indicou César Llana, director do museo.

O alcalde de Celanova, José Luis Ferro, manifestou que en Raigame non só se celebra o Día das Letras senón da cultura galega, e que o ambiente que se vive na romaría é «difícil de explicar». José Manuel Enríquez, sobriño de don Adolfo, recordou que o seu tío era grande afeccionado á fotografía tradicional e que na familia esperan poder ver a «fotografía da xustiza» tralo asasinato do párroco hai tres anos. A directora xeral de Turismo, Nava Castro, lembrou que Raigame é festa de interese autonómico e que o seu departamento deu este ano 55.000 euros a Celanova.