Vinte desempregados fórmanse en repoboacións forestais e albanelería en Castro Caldelas, Montederramo e A Teixeira

La Voz O Barco

CASTRO CALDELAS

CEDIDA

Traballarán durante nove meses, coa posibilidade de ter despois un contrato en prácticas por tres meses máis

29 novs 2019 . Actualizado ás 15:14 h.

Vinte desempregados de Castro Caldelas, Montederramo e A Teixeira formaranse durante os próximos nove meses en repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e en técnicas de albanelería. Son os participantes no taller de emprego Caldelas V, un dos catro obradoiros especializados no sector forestal que a Xunta sufraga na provincia; dos 14 que hai en todo Ourense. 

Os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses con outro en prácticas por tres meses máis como mínimo, nunha empresa da zona vinculada ao sector. A inauguración celebrouse coa presenza dos alcaldes, Sara Inés Vega (Castro Caldelas), Antonio Rodríguez (Montederramo) e Miguel Cid (A Teixeira); e a delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.«Durante os meses de duración deste programa mixto de formación e emprego o alumnado en Castro Caldelas construirá unha balsa para aprovisionamento de auga co uso de extinción de incendios no monte veciñal en man común A Matanza (Serra de San Martiño) e no terreo Portorregueiro en A Eirexa (parroquia de Mazaira) e desenvolverá traballos de repoboación forestal e tratamentos silvícolas en Outeiro, Grazan, Tapadas Novas, Portorregueiro, Portela, Fonteiriña, Grulos, Porteleiro, Val, Tapada da Bouza, Lameiriño, Espiñeira, Peneliña e na finca A Devesa. En Montederramo levarán a cabo a construción dunha balsa no alto do Valisco e traballarán na repoboación forestal e tratamentos silvícolas do monte comunal Serra de San Mamede. Por último, na Teixeira os participantes crearán dúas balsas para aprovisionamento de auga Cascalla (parroquia de Celeiros) e Cimadevila (parroquia de Lumeares), ao tempo que realizarán labores de repoboación forestal e tratamentos silvícolas no Monte Pedreira e no Monte Pedra do Sol», avanzou Díaz.