«Nos concellos non hai continuidade»

Sara Pérez / R. N. P. OURENSE / LA VOZ

CASTRO CALDELAS

MIGUEL VILLAR

Anxos Muguerza coordina por segunda vez un taller turístico en Ourense

16 sep 2019 . Actualizado ás 14:00 h.

Quince días despois de coordinar un Obradoiro de Emprego na zona de Castro Caldelas, a Anxos Muguerza chamárona para formar parte dun novo proxecto das mesmas características. Esta vez, na Mancomunidade de Santa Águeda. Despois de estudar a licenciatura de Turismo, Anxos traballou en varias axencias de viaxe, de guía turística e mesmo nalgúns hoteis, pero nunca vivira a experiencia de formar e dirixir a outras persoas no seu propio campo de estudo.

A actividade, promovida pola Xunta e xestionada polos municipios, permitiulle a Muguerza, hai dous anos, chegar a Castro Caldelas. «No primeiro obradoiro que coordinei levabamos cinco concellos e íase a facer unha ruta de 100 quilómetros circular que pasaba por Chandrexa de Queixa, Montederramo, Castro Caldelas, A Teixeira e San Xoan de Río», comenta. Tratábase de promocionar a zona e de abrir diferentes puntos turísticos de información en todos os concellos. «Reabrimos o Museo do Viño na Teixeira, pero ao finalizar o Obradoiro tivemos que pechalo todo. Nos Concellos non hai continuidade. A xente do pobo estaba encantada connosco. Ademais, atendemos a unhas cen presentas durante os dous meses de verán», asegura a licenciada en Turismo. Nestes momentos, o traballo das cinco presentas que dedicaron nove meses a promocionar a zona, atópase en varias caixas nalgunha sala do Concello da Teixeira. «Falamos co alcalde para pedir unha concesión no Museo pero todo é un problema. Hai que xestionar todo moi ben para a sustentabilidade da contorna», advirte a profesora do Obradoiro.

A tan só un mes de que finalice o segundo Obradoiro coordinado por Anxos, non parece que o desenlace vaia a ser diferente. «Este proxecto, o de Santa Águeda é diferente. Nun principio, a nosa misión era pór en valor o castelo da Peroxa, a ruta do Barbantiño, a de Amoeiro e o Camiño de Santiago», comenta Muguerza. No entanto, entendeu que iso non era «suficiente», e nese momento decidiu, tras falar coa Xunta, a ampliación do proxecto para poder montar un punto de información turístico nos Peares. «Elixín ese sitio porque me parecía o punto neurálxico máis importante. Os Peares pertence á Peroxa, que á súa vez se integra dentro da mancomunidade de Santa Águeda e tamén na Ribeira Sacra», declara Anxos. Baixo o nome de Promoción Turística Local e Información ao Visitante, o primeiro que realizaron os catro alumnos e a profesora no Obradoiro foi un estudo dos recursos turísticos das catro zonas con visitas formativas ao patrimonio relixioso e civil. «Todo o traballo é dos alumnos. As fotografías, os textos, a documentación. O mérito é seu», asegura Anxos. Conta como anécdota, que durante os primeiros días tivo que levalos aos lugares máis característicos da Ribeira Sacra, pois non coñecían nada da zona, a pesar de residir ao lado. «Para que puidesen explicarlle a un turista que ver e que facer, primeiro debían coñecelo eles en primeira persoa», comenta.

O punto neurálxico

Os Peares foi o lugar escollido para a sede física do punto de información. «Existían varias razóns para elixir ese sitio como base. A primeira, a afluencia de xente e a segunda porque é porta de entrada á Ribeira Sacra», asegura Anxos. Nun mes atenderon a máis de 200 persoas procedentes de lugares como Italia ou Brasil. «Cando rematemos isto vólvese a pechar. Estou a falar cos alcaldes para ver que se pode facer», continúa. O 17 de setembro, tras nove meses de moito traballo, o futuro da información de calidade na zona dos Peares queda en suspense.

A profesora. Anxos Muguerza imparte as clases no Obradoiro de Turismo.

Os alumnos. Anxo López (Coles) estudou historia, María López (Vilamarín) é deseñadora gráfica, Xiana Somoza (A Peroxa) formouse en Informática e Enrique Fernández (Amoeiro) cursou Empresariais.