As entradas para asistir ás proxeccións do festival de cine custarán tres e catro euros

La Voz OURENSE

CASTRO CALDELAS

Santi M. Amil

A Deputación aproba o convenio para pór en marcha un museo en Castro Caldelas

15 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Junta de Goberno da Deputación ourensá aprobou onte os prezos públicos polo acceso ás proxeccións do Festival de Cine de Ourense (OUFF). O custo da entrada para as películas inlcuidas na sección oficial será de catro euros e para o resto, de tres euros. O certame celebrarase a finais deste mes.

Tamén no ámbito cultural, a reunión da Junta de Goberno serviu para dar luz verde a un convenio de colaboración da Deputación coa Fundación Sotelo Blanco e o Concello de Castro Caldelas. Ese pacto permitirá pór en marcha a creación dun museo antropolóxico sobre a Ribeira Sacra nas instalacións do antigo centro comarcal de Terras de Caldelas. A institución provincial encargarase do sostemento económico deste servizo e, por outra banda, a Fundación Sotelo Blanco disporá de 22.045 euros para a realización de actividades no centro.

Subvencións

Na Junta de Goberno aprobáronse, ademais, varias subvencións. Entre elas, destaca pola súa contía un para o Concello do Birlo para a recuperación dun muíño. Ademais, o de Piñor terá 20.000 euros para a rehabilitación de dous lavadoiros e un forno, o de Sarreaus recibirá 15.000 para equipar un velorio en Codosedo, o do Carballiño ingresará 13.000 para asentos no campo de Espiñedo e o de Xinzo de Limia, 6.897 para un novo equipo de son no seu pavillón de deportes. Polo demais, na reunión de onte aprobáronse as bases para a concesión de bonificacións polo uso das instalacións do Paco Paz así como axudas de 8.000 e 3.200 euros para actividades deportivas.