«A esencia das nosas rutas pola Ribeira Sacra é que son personalizadas»

sara p. peral / R. N. OURENSE / LA VOZ

CASTRO CALDELAS

Agostiño Iglesias

Martiño Novo creou Turisa Galicia, unha empresa que opera desde Castro Caldelas e que se fixo cun dos premios Agader

15 ago 2018 . Actualizado ás 17:36 h.

Turisa Galicia empezou en abril en Castro Caldelas. Martiño Novo e unha compañeira, que actuou desde Londres, crearon a oferta de servizos turísticos na Ribeira Sacra. E aínda que empezou hai menos dun ano xa recibiu un dos premios Agader, na sección de turismo.

-Como empezan con Turisa?

-Turisa empezou por casualidades da vida na primavera. Eu quedei sen traballo, que tampouco me gustaba, e unha amiga coa que estudara veu a vivir a Chantada. Empezamos a pensar que tiñamos que tomar as rendas da nosa vida e decidimos que podiamos montar algo porque vimos que a Ribeira Sacra estaba en auxe. Tamén tiñamos moi bo trato co dono dun pazo de Trives, que nos dicía que os clientes lle demandaban uns servizos de turismo. Entón comezamos a estudar se era viable a idea, sondamos a competencia -que a hai- e falando con xente entendida do tema vimos que non era unha mala idea. Ademais o investimento inicial non era desorbitada. Á miña compañeira xurdiulle un traballo en Londres e seguín eu co proxecto.

-Que servizos ofrecen?

-Rutas pensadas en calidade e para xente que quere coñecer a Ribeira Sacra. Aínda que agora traballamos nesta zona, o noso obxectivo é ampliar o espectro co tempo. Ofrecemos tamén a esencia do lugar, non que se limiten a visitar as típicas adegas. Nós ofrecemos a posibilidade de que coñezas a un produtor que veu de Madrid e que empezou aquí a facer queixos de cabra. Ninguén se imaxinaba que puidese gañar agora mesmo diferentes premios internacionais. Ofrecemos un servizo personalizado e que permite coñecer a xente como nós, que nun momento da nosa vida decidimos apostar por esta zona e non abandonala. A verdadeira esencia da nosa rutas é que son personalizadas para chegar ao fondo e coñecer, non facer un percorrido no que non che decates de nada.

-En que zonas actúan?

-En principio en toda a Ribeira Sacra. Mudámonos aquí, a Castro Caldelas, porque era unha zona intermedia entre Trives e Monforte. Co tempo quen sabe ata onde chegaremos. Primeiro asentámonos en Monforte, pero como vila non nos gustaba moito e tamén nos apetecía un lugar tranquilo. Non nos gusta o estrés e atopamos un piso en Castro Caldelas e decidimos quedarnos aquí.

-Que é o que máis lles demanda o público?

-Xa che digo que acabamos de empezar, entón tampouco temos moita demanda. Aínda así, o que máis nos piden son rutas por adegas e que lle recomendedes lugares para comer. A idea do catamarán privado tamén funciona moi ben. Un pouco de todo, intentamos chegar sempre ata onde poidamos REVISAR.

-Que supuxo o premio Agader?

-Viño por sorpresa. Un día recibín unha chamada da conselleira de Medio Rural e asusteime, pensei que fixeramos algo moi malo. Pero cando falei con ela deume o parabén por ter gañado o premio. Non mo podía crer.

-En que investirán o premio?

-Xa temos demasiadas ideas. En principio Turisa Galicia naceu para un turismo de excelencia con rutas de calidade, pero cando chegamos a Castro Caldelas atopamos unha casa que cumpría todas as características para unha escape room. Era como casa museo, enorme e con moitas posibilidades. Ademais en Pantón contan cunha e dixéronnos que lle deu moi bos resultados. Temos que diversificar a nosa oferta mentres a cousa non avanza, así que o investiremos neste proxecto.