Queres manteiga? Toma bica en Castro Caldelas

CASTRO CALDELAS

MIGUEL VILLAR

O segredo da bica mantecada está no uso de produtos de primeira calidade. No Forno levan máis de vinte anos preparando a sobremesa emblema de varias localidades ourensás. Non hai receitas secretas, simplemente se aposta pola tradición e o bo gusto.

01 abr 2018 . Actualizado ás 09:26 h.

A bica mantecada é un das sobremesas estrela da gastronomía ourensá. Pódela probar en Trives, en Laza ou en Castro Caldelas. En cada sitio dirán que ten unha peculiaridade, pero no que todos coincidirán é na calidade do produto. En Castro Caldelas hai tres obradores. Un deles é O Forno, onde fai máis de vinte anos traballa José Luis Polo. «O forno data de 1929 e eu son a terceira persoa que o aluga desde entón. Empecei facendo pan, pero cando vimos que cada vez se vendía menos, apostamos pola bica», explica.

Aprendeu a receita do anterior panadeiro: manteiga de vaca cocida, azucre, ovos, masa panaria (de pan) e fariña de trigo. O segredo: moita paciencia xa que é un proceso laborioso (a cocción é dunha hora) e a elección de bos produtos. A forma de preparala, afirma, é a tradicional, aínda que cada cociñeiro pode cambiar algo, moi pouco, para darlle o toque persoal: «Simplemente podes botar máis ou menos azucre segundo os teus gustos», relata José Luis Polo. O que distingue esta bica do resto que se fai en Galicia é a manteiga. Un produto cada vez máis caro. «O único problema é que o prezo cada vez sobe máis, por iso hai xente que substitúe a manteiga polas margarinas ou as graxas vexetais. Pero aquí non o facemos. Aí está a diferenza», subliña. Ata hai non moitos anos, a bica preparábase en Castro Caldelas só en ocasións puntuais. En días de festa para compartir coa familia e amigos e era un complemento a unha panadería ou pastelería nunha data puntual. Hoxe xa é un reclamo, sobre todo para os visitantes que acoden á localidade. «Cada vez temos máis turistas en Castro Caldelas ?a localidade atópase situada na Ribeira Sacra ourensá? e todo o que vén quérese levar bica á súa casa», subliña. E é que as do Forno só se poden consumir en Castro Caldelas e en confeiterías e pastelerías da capital ourensá ou de Monforte. «Eu mesmo distribúoa e non se pode chegar a máis sitios. Hai xente que de forma puntual che chama e pídecha e lévaslla, pero aquí non podemos facelo a gran escala», explica.

A cantidade de produto que fai oscila dependendo da época do ano. A produción destes días, en plena Semana Santa, foi grande. O mesmo ocorre en Nadal e durante o verán, cando Castro Caldelas, como outras localidades ourensás, multiplica a súa poboación e a demanda é maior. «Non só iso, tamén depende do tempo que faga», engade. Todo isto é importante, porque a bica mantecada, para que estea boa, debe consumirse ata 15 ou 20 días despois de feita. Tempo suficiente para gozar dela unha vez que se compra, pero determinante na súa produción. A demanda crece e con ela tamén as variedades, aínda que a estrela é a tradicional. No Forno apostaron por preparala tamén con améndoas noces e uvas pasas e con fariña de castaña. Tres posibilidades para levar á boca. O produto tradicional é cada vez máis demandado e José Luis Polo decidiu apostar por iso, respectando a receita tradicional e mantendo a calidade dos produtos como emblema. E iso agradéceno, cada ano máis, os que buscan en Galicia gastronomía de calidade.