Fugaz fuxida

María Doallo Freire
María Doallo NON SE NADA

CASTRELO DE MIÑO

14 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Parece que ultimamente está de moda irse. Saír do mapa, coller a porta, largarse, fuxir. Seguindo, ou non, o exemplo do rei emérito, fóronse esta semana dous concelleiros socialistas en Castrelo de Miño. Saíron do seu partido para abrazarse aos postulados do PP e a min estas cousas, o transfuguismo e as mocións de censura, danme para pensar. A todas miras resulta absurdo que un cambio de «opinión» de dúas persoas poida tirar abaixo a decisión de centos delas nas urnas, non? Parece inxusto, desleal e sobre todo estraño, especialmente para os veciños que, á fin e ao cabo, son sempre o corazón e razón de ser de calquera pobo. Sen ser eu moi fan do destino, vexamos: Seica será posible evitalo? Podemos escapar do que somos ou converternos de súpeto no que non eramos? E, cara a onde foxen os que se largan así sen máis? Supoño que dá igual se a Abu Dabi ou á República Dominicana, supoño que é o mesmo se o erro está na afiliación inicial ou na actual, porque ao final nesta vida todos a cagamos estrepitosamente nalgún momento e o importante estará en aprender a limpar o pastel o antes e o mellor posible. Supoño. Ao peche desta edición eu estarei tombada nalgún punto -aínda por definir- de Castrelo, preparada e ben acompañada para gozar do espectáculo das Perseidas. Non son estrelas fugaces. Son partículas de po que deixa un cometa na súa órbita ao redor do sol. Elas non foxen do espazo, só atravesan a atmosfera terrestre atraídas polo noso planeta e deixando ao seu paso ese espectáculo natural de luz. Supoño que non todo é o que parece. Porque como di Iván Ferreiro: «Quen non ten valor para marcharse? Quen prefire quedar e aguantar?».