O incendio forestal de Cenlle afectou xa a 40 hectáreas

La Voz OURENSE

CARTELLE

Lucía

Na autovía mantense cortado un carril desde a tarde do mércores para que actúen os medios de extinción

05 sep 2019 . Actualizado ás 12:56 h.

Un incendio forestal permanece activo, aínda que desde a Xunta aseguran que «evoluciona favorablemente» na parroquia de Barca de Barbantes, en Cenlle, e está a afectar a unha superficie estimada de unhas 40 hectáreas, a falta dunha parametización completa unha vez estea extinguido, segundo a Consellería de Medio Rural. Fuentes do servizo de extinción apuntaron que se trata dunha reprodución do incendio que comezou o martes lindeiro coa A-52. De feito, a autovía viuse afectada na tarde do mércores polo fume e en parte polo lume, que saltou á mediana e axudaron a sufocar axentes da Garda Civil de Tráfico. Con todo, neste lume están a traballar abundantes medios do servizo da Xunta, que mobilizou a un técnico, oito axentes, vinte e sete brigadas, quince motobombas, unha pa, cinco helicópteros e sete avións. O incendio comezou ás 19.05 horas de onte.

Un accidente, no quilómetro 237, incrementou a retención de vehículos na autovía que xa estaba causando o incendio. Ademais, para facilitar o labor dos medios de extinción, cortouse o carril dereito da A-52, en sentido Porriño, entre os quilómetros 237 e 242.

Así mesmo, un incendio forestal que comezou ás 15.10 minutos da tarde do martes obrigou a cortar a estrada OU-404 entre as localidades de Outomuro e Sabuz, no municipio de Cartelle.

O vento fixo que o lume tirase con forza neste momento, aínda que numerosos medios de extinción traballaron para sufocalo. Medio Rural confirmou que se atopan traballando na extinción un axente, oito brigadas, cinco motobombas, tres helicópteros e seis avións. Desde a Consellería informaron de que o incendio se atopa estabilizado desde as 18.15 horas e que afectou a unhas sete hectáreas de monte.