José Manuel Bugallo: «Quero volver empezar coa pintura»

La Voz

CARTELLE

Santi M. Amil

14 ene 2019 . Actualizado ás 14:37 h.

Aínda está tramitando a documentación, pero José Manuel Bugallo xa sabe que son os seus últimos días traballando. Despois de 39 anos no corpo de Policía Local de Celanova, en breve pasará a gozar da xubilación. Bugallo, de 63 anos e natural de Cartelle, non é policía por tradición familiar. «Entereime de que había unhas oposicións, presenteime e aprobei», relata. Chegou así a un traballo ao que dedicou boa parte da súa vida, aínda que xa fai cinco anos que non patrulla as rúas. Entón pasou a segunda actividade, e destináronlle á biblioteca, que estaba sen persoal. Agora hai unha bibliotecaria, así que Bugallo se encarga do auditorio, aínda que tamén anda entre libros cando a responsable do servizo non está.

Despois de tanto tempo en activo, ten claro que non se aburrirá cando xa non teña que ir traballar. «Quero volver empezar coa pintura, que me gustaba moito. E tamén camiñar, e outras actividades. Ademais, terei máis horas para ir ao pobo, a Cartelle, para dedicarme un pouco á horta», asegura.