Dúas rúas de Sobradelo serán reconstruídas este ano

María Doallo Freire
María Doallo O Barco

CARBALLEDA DE VALDEORRAS

LOLITA VÁZQUEZ

A Consellería de Medio Ambiente achegará o 70 % do orzamento necesario

18 abr 2019 . Actualizado ás 09:27 h.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González Quintela, asinaron este mércores un convenio de colaboración para regular as obras en dúas rúas centrais da parroquia de Sobradelo. Tanto a travesía Estrada de Éntoma, no tramo onde se atopa o xardín fronte a Renfe, como a rúa Francisco Neira, que conecta o Concello coa estación, serán reconstruídas antes de final de ano. A obra durará entre cinco e seis meses e como levará a cabo por carrís, as rúas sempre terán circulación sen necesidade de ser cortadas. O investimento ascende a 140.000 euros, dos cales a Xunta achegará o 70 %.

«É unha desas obras que visualizas a miúdo para os recunchos do teu pobo. Grazas ao traballo dos técnicos agora está traducida nun proxecto e vaise a levar a cabo», explica a alcaldesa do PP. «O que pretendemos é humanizar as rúas, darlles importancia aos peóns. Por iso na Estrada de Éntoma imos quitar un pouco de xardín e pór máis beirarrúa, desta forma tamén recuperaremos a manpostería típica da zona, que agora está tapada pero que quedará visible», engade. No caso da rúa Francisco Neira, trátase dun tramo de escaleiras moi transitado. «Suavizarase a pendente, porase un pavimento máis firme e zonas con varandas para achegar máis seguridade», apunta González Quintela.

A actuación é a primeira colaboración que leva a cabo no municipio de Carballeda de Valdeorras dentro do Plan hUrbe, co que a Xunta pretende acadar unhas vilas accesibles, habitables e que ofrezan calidade de vida aos seus veciños.