Máis de setenta hectáreas arderon na provincia durante o mes de marzo

La Voz

CALVOS DE RANDÍN

cedida

O incendio máis importante sucedeu o pasado día 24 en Chandrexa de Queixa

03 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A partir de mediados do mes de marzo, coa subida das temperaturas e a falta de choiva, a provincia empezou a rexistrar incendios forestais, de diferente magnitude, que afectaron a algo máis de setenta hectáreas de monte. A orixe deles descoñécese, aínda que se cre que a maioría tivo lugar en queimas que se descontrolaron.

O lume máis importante sucedeu o pasado día 24 en Chandrexa de Queixa, no núcleo de Requeixo. Comezou ao redor das 15.30 horas, quedando extinguido seis horas despois, tras arrasar con 40 hectáreas de monte raso. Seguiulle en terreo afectado o que se iniciou o pasado día 29 na parroquia de Pradorramisquedo, Viana do Bolo, que ademais chegou a territorio zamorano. Neste caso rexistráronse tres focos e extinguiuse ese mesmo día tras queimar 17,43 hectáreas de monte raso en terreo galego. O resto dos incendios forestais tiveron menor envergadura. Tres deles afectaron a territorio do parque natural da Serra do Xurés. Tiveron lugar o 17 de marzo no concello de Muíños (Requiás), o día 22 en Lobeira (Fraga) e o último esta mesma semana en Calvos de Randín (Randín). Xuntos non chegaron ás tres hectáreas afectadas.

Ademais destes incendios, en marzo houbo varios conatos que se puideron extinguir sen dificultade e que ben pola cantidade de terreo afectado como pola importancia da zona onde se produciron non se rexistraron no medio Rural da Xunta Tiveron lugar en Castro Caldelas, Ramirás, Esgos ou Xinzo, entre outros puntos da xeografía ourensá. Todos puideron extinguirse rapidamente.