Frío xélido en toda a provincia

La Voz OURENSE

CALVOS DE RANDÍN

Agostiño Iglesias

O sol atenúa a sensación térmica durante a tarde nunha xornada en que gran parte da provincia amenceu con temperaturas negativas. Calvos de Randín marcou a mínima galega: -11.9ºC

07 ene 2021 . Actualizado ás 18:08 h.

Tempo seco e moi frío o rexistrado este xoves en Ourense. Aínda que sen nevadas e co sol nun ceo despexado a medida que avanzaba a xornada, as temperaturas foron xélidas en toda a provincia. Calvos de Randín amenceu hoxe coa temperatura máis fría de Galicia: -11.9 ºC ás 8.50 horas. Baltar, con -10.9 ºC,  Viana do Bolo, con -10,4ºC ás 9.40 horas, ou Verín, con -9.4ºC foron as zonas galegas con máis frío, con temperaturas rexistradas en estacións meteorolóxicas situadas a menos de 900 metros de altitude. As temperaturas baixaron mesmo con respecto ao mércores, que xa foi unha xornada de moito frío. Iso provocou estampas de acumulación de carámbanos de xeo nas árbores nalgunhas zonas. 

Nas montañas, as temperaturas foron tamén moi frías, con -10.2ºC na cabeza de Manzaneda. O vento está a provocar que nalgúns lugares a sensación térmica sexa negativa durante a tarde, aínda que o termómetro xa está en positivo. A Garda Civil de Tráfico vixía as estradas, onde hai que circular con precaución, aínda que na provincia non hai ningún viario pechado ou condicionado esta tarde do xoves.

garda civil

A alerta laranxa por baixas temperaturas (menos de -8ºC) continuará este venres no sur da provincia de Ourense ata as 9.00 horas. A montaña e Valdeorras estarán en alerta amarela por temperaturas de ata -6ºC ata a mesma hora de mañá.