Tíralle unha chave inglesa ao coche como reproche por comentarios en redes sociais

La Voz OURENSE / LA VOZ

BARBADÁS

Carlos Durán

O agresor convenceu unha moza para que chamase ao seu amigo e poder encararse con el cun coitelo e a ferramenta

28 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cun coitelo nunha man e unha chave inglesa na outra recibiu Jorge A. A., de 23 anos, a un coñecido con quen estaba molesto por uns comentarios que este último fixera en redes sociais. Atopábase Jorge na súa casa de Aira do Fonsillón, no municipio de Barbadás, con outra nova, a quen convenceu para que chamase a un amigo e pedíselle que fóra a buscala. Acudiu o terceiro en discordia no seu turismo de márcaa BMW. Apenas tivo tempo de apearse, volver rapidamente ao coche e emprender a fuxida, cando se decatou da actitude aparentemente hostil do acusado.

Jorge pretendía agredir ao outro implicado no incidente, segundo dicía o fiscal no seu escrito de acusación, ao cal prestou onte conformidade. Non chegou a ser golpeado o condutor, pero o turismo sufriu danos ao recibir o certeiro impacto dunha chave inglesa guindada polo acusado.

Pouco despois do ocorrido, o imputado aproveitou o teléfono móbil da moza para enviar á súa opoñente mensaxes con expresións intimidatorias como «aínda non foi nada, estamos a empezar», ou «moito ollo con quen xogas» e unha terceira advertindo que «vas saber a túa ou que é ter medo».

Ao acusado atribuíulle a fiscalía danos e ameazas. Finalmente, con todo, foi condenado por danos, concretada a pena nunha multa de 720 euros. En canto á acción civil, deberá Jorge pagar os 1.125 euros de arranxo do coche. A fiscalía retirou a acusación polo segundo delito de ameazas.