«Se somos nós sobre o campo poremos en apertos ao Vilalbés»

BARBADÁS

MARCOS CREO

Rubén Arce celebrou con dous tantos o seu retorno á titularidade co Arenteiro tras a súa lesión muscular

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Club Deportivo Arenteiro acendera todas as súas alarmas despois dun refacho de catro derrotas consecutivas que reduciron ao mínimo o seu colchón sobre os postos de descenso directo na Terceira División. Foi nese momento cando a escuadra verde dobregou ao Laracha e tomouse un respiro que lle serviu para afastar pantasmas. Así o recoñece Rubén Arce Lorenzo (Barbadás, 1991), autor dos dous tantos da última vitoria e máximo goleador da escuadra verde.

«Creo que foi o golpe de xeito que necesitabamos, porque somos capaces de gañarlle a calquera, pero xa levabamos catro ou cinco partidos que xogabamos ben e o balón parecía non querer entrar», matiza este xogador de banda cuxas diagonais son un dos mellores argumentos do combinado carballiñés.

Arce volvía ademais duns problemas físicos que lle custaron minutos importantes: «Sufrín unha dor de xeonllo contra o Silva, pero resultou ser unha contractura no cuádriceps a que me causaba as molestias. Despois perdinme o partido contra o Choco e reaparecín uns minutos en Ribadumia. O do Laracha foi o meu primeiro partido como titular desde entón e aínda que non estou aínda a lume de biqueira, doume por satisfeito despois do duro que traballei para recuperarme canto antes».

E foi chegar e bicar o santo, porque non se cumpriu o primeiro cuarto de hora cando Rubén se sacou da chistera o golazo que desbloqueou pronto o partido: «Recuperamos o balón no medio campo, Brais Vidal deulle un cambio de orientación ao xogo e cando recibín cuerpeé co defensor, pegueina ao pau curto e saíume un gol moi importante para nós». Porque a teoría de Arce, que coincide con moitos dos integrantes do Arenteiro, é que Espiñedo non está para moitos luxos balompédicos: «O campo está lamentable e nós sabemos que se non marcas primeiro, é moi difícil crear fútbol aquí, polo que o equipo que vai diante ten todas as de gañar».

Tras vencer ao Laracha, a renda carballiñesa sobre o descenso directo é de sete puntos, pero só de tres sobre o primeiro posto de arrastre. O seu máximo realizador é un dos que insiste en empregarse a fondo nas próximas xornadas, para asegurar canto antes a permanencia: «Temos un calendario difícil, pero ninguén gaña con facilidade nesta categoría. Se somos nós sobre o campo poremos en apertos ao Vilalbés, que é un dos mellores equipos do grupo, pero estamos dispostos a loitar todo o posible para sacar adiante os obxectivos do Arenteiro nesta tempada».