Danos en dous vehículos ao desbordarse o río Arnoia en Baños de Molgas

M. Rodríguez OURENSE

BAÑOS DE MOLGAS

cedida

O río creceu súbitamente á primeira hora da mañá

14 novs 2019 . Actualizado ás 17:13 h.

O río Arnoia hase desborado hoxe ao seu paso por distintas localidades. En Baños de Molgas, a crecida do río danou a dous turismos que se atopaban aparcados preto da beira. O caudal subiu rapidamente á primeira hora da mañá, despois dunha xornada, a do mércores de intensas choivas. Con todo, segundo especifican fontes locais, ás 6.30 da mañá, un veciño viu que o río levaba moita auga pero dentro da súa canle e ás 7.30 xa estaba cuberta a área recreativa e a zona do balneario que se adoitan afectar cando crece o Arnoia. Por iso crese que se puido deber ao desxeo da neve da serra. Protección Civil de Baños de Molgas está en alerta ante unha nova previsión de fortes choivas a partir desta noite do xoves.

Os desbordamentos do Arnoia nesta zona de Baños de Molgas sucédense con certa periodicidade e xeralmente non producen danos. Tampouco nesta ocasión, salvo a eses vehículos mencionados. Durante a tarde, a situación mellorou e o río xa vai dentro da súa canle, aínda que con moita auga, mencionan fontes de Protección Civil. 

O río tamén se desbordou ao seu paso por outras localidades como Allariz, onde a crecida do río arrastrou algún moble da terraza dun bar, e Pontegrande (Celanova).

Los accesos a la zona verde del Malecón de O Barco están cerrados
Os accesos á zona verde do Malecón do Barco están pechados LOLITA VAZQUEZ

No Barco de Valdeorras non houbo inundacións, pero o río Sil creceu de xeito importante. Ante esta situación, o Concello decidiu cortar os accesos á zona verde do Malecón. Valos e cintas impiden o paso dos peóns.