A rehabilitación da reitoral de San Comba de Bande recibe 424.000 euros

La Voz OURENSE / LA VOZ

BANDE

Xunta

Alfonso Rueda visitou a igrexa de San Trocado, un dos 748 BICs de Galicia

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A casa reitoral de Santa Comba de Bande vaise rehabilitar de xeito integral. Será grazas a un investimento da Xunta de 424.000 euros. Trátase do edificio anexo á igrexa. Está prevista a eliminación de barreiras para os visitantes así como a mellora da contorna do templo visigótico. O obxectivo da Xunta con esta actuación é pór en valor este referente arquitectónico e fomentar o turismo cultural e sostible, en primeiro termo, pero tamén dinamizar a economía de Bande e contribuír así a fixar poboación no rural.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou Santa Comba acompañado do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o delegado da Xunta, Gabriel Alén. «Esta rehabilitación permitirá ofrecer a mellor cara e imaxe de Galicia», asegurou en referencia aos turistas que visiten a comunidade cando a situación sanitaria o permita. Nese sentido, explicou que a Xunta pretende fomentar Galicia como un destino seguro para recuperar a confianza dos viaxeiros.

Ben de interese cultural

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o incremento do 19 % que este ano realiza a Xunta na mellora do patrimonio cultural, como alicerce fundamental da identidade de Galicia e como motor económico.

O titular de Cultura sinalou a importancia dos traballos que se abordarán na reitoral de Santa Comba de Bande. Considera que porán en valor a riqueza da igrexa de San Trocado, un dos 748 Bens de Interese Cultural (BIC) cos que conta Galicia.