O Polígono remacha o pleno para os clubs de Preferente

BANDE

Agostiño Iglesias

O Pavillón de Terceira Galicia apeou ao Antela nos penaltis

30 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A xornada dominical sen partidos de liga regular cedeu o protagonismo á gran parte dos encontros de treintaidosavos de final de Cópaa Deputación, que xa coñece a todos os seus protagonistas para dezaseisavos, pendentes do próximo sorteo.

Faltaba un dos equipos de Preferente por entrar en acción e o Polígono non perdeu a opción de coincidir cos outros tres na próxima rolda, despois de imporse en Bande: 1-2. Iso si, os homes de Rubén García tiveron que remontar o tanto de penalti de Mouhssine, o que conseguiron nunha segunda metade máis eficaz, coas dianas de Julio Martínez e Rubén Villa .

Con todo, unha das eliminatorias máis vibrantes desta rolda foi a da matinal nos Remedios, onde un Pavillón intergeneracional, que incluíu a varios xuvenís, puido co Antela, ao que dobregou na quenda de penaltis, despois do 2-2 do tempo regulamentario. A expulsión de Dani Rivero diezmó aos visitantes aos oito minutos, pero aínda así, o conxunto de Primeira adiantouse en dúas ocasións, con tantos de Carrasco e Jony, pero o mozo Juan Muíños e o veterano Óscar Vivian igualaron o choque, decidido a favor dos de Charli no desempate.

Outro partido que chegou aos penaltis foi o Nogueira - Ourense CF «B». Lois igualou para os de casa nos últimos instantes, para gañar 4-1 na morte súbita. No Arjiz chamaba a atención o Verín - Allariz, que se presentaba igualado e rematou con vitoria allaricense (0-2), ante o líder autoritario da máxima categoría provincial, que cedeu ante as anotacións de Julen e Meno, ao final de cada un dos períodos da contenda.

No resto dos partidos, chamou a atención outro Terceira, o Vilar de Barrio, que se impuxo 1-0 ao Cenlle, mentres que o Viana goleou 4-0 ao Molgas, que non se puido sacar a espiña do seu aciago curso en Primeira. O 1-7 do Santa Teresita nos Chaos e o 3-7 do Cortegada ante o Carballeira foron os triunfos máis avultados, nunha serie de marcadores que se completaron así: Soutopenedo - Paderne (3-1), Maceda - Raio Allaricense (1-0), Muntián - Loñoá (0-1), Salamonde - A Peroxa (1-2), Lobios - Francelos (1-2), Maside - Celanova (4-0), A Manchica - Piñeira Seca (3-2), Padrenda - Cartelle (0-2), Rante - Covadonga (1-3) e Leiro - Toén (1-0).