Allariz avanza na recollida selectiva de plástico e vidro

La Voz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

CONCELLO DE ALLARIZ

O Concello destaca a colaboración de veciños e hostaleiros pero considera que aínda hai camiño por percorrer

21 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños de Allariz seguen progresando no seu nivel de separación de residuos para colaborar na reciclaxe de materiais e na redución de lixo. Así o constata o Concello de Allariz cos datos do servizo de recollida, pois no mes de setembro, houbo un incremento do 17 % na recuperación de envases de plástico. Recolléronse 117.220 quilos polos 101.160 quilogramos depositados no colector amarelo no mesmo mes do ano pasado. E aínda que está ben que leven ao colector adecuado, son moitos quilos os que se tiran; por iso, o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, apunta que estes números deben facer reflexionar en que hai que facer un esforzo para a redución dos envases.

Os datos da recollida selectiva de vidro apuntan a un crecemento. Ata o 31 de agosto, recompiláronse en Allariz 141.720 quilos deste material. Para o Concello, este dato é sorprendente, tendo en conta que durante o confinamento de primavera, coa hostalería pechada, recolléronse vinte mil quilos menos en marzo, abril e maio. No verán compensouse, o que para o Concello, é unha mostra da colaboración do sector. O concelleiro destaca que se están dando pasos firmes pero aínda queda «moito treito por avanzar».