Danza inclusiva en Allariz

Por Maite Rodríguez OURENSE

ALLARIZ

Santi M. Amil

A coreógrafa Nuria Sotelo está desenvolvendo o seu proxecto con axuda da Caixa

17 ene 2020 . Actualizado ás 15:49 h.

Ser Con é un proxecto artístico e social que a coreógrafa ourensá Nuria Sotelo está a pór en marcha en Allariz coa axuda da Caixa, que destinou 13.200 euros da súa convocatoria anual do programa Art for Change ao desenvolvemento desta peza escénica inclusiva. A creadora do proxecto, ourensá afincada en Amiadoso (Allariz), conta coa colaboración do bailarín vasco Mikel Aristegui, da cantante e compositora francesa residente na Bola Mounqup e da videógrafa allaricense Inma Vilanova para o apartado visual e a documentación do proceso. «Todo é unha creación colaborativa», apunta Sotelo. No Fogar dous Maiores de Allariz haberá clases de danza para as persoas de máis idade e para xente con diversidade funcional, contando coa colaboración da Asociación Puzzle. Tamén hai clases abertas, e gratuítas, para calquera persoa interesada na danza e na creación artística, aclara a directora. Os alumnos do IES de Allariz recibirán así mesmo leccións de danza no seu instituto. «Un día a semana xuntámonos todos, creadores e asistentes, para facer o traballo de creación». Ese é un dos obxectivos do programa da Caixa: conxugar a creación artística e a transformación persoal e social, fomentando a participación para dar sentido á arte. O proxecto bota a andar esta mesma semana e no horizonte está facer unha representación en Allariz, que tamén levará a un festival de arte inclusivo na Coruña e a Ourense. «É un proceso bonito, estimulante e enriquecedor. Xérase unha conciencia de grupo, de coñecemento doutras realidades, cáense prexuízos e ideas preconcibidas sobre as persoas. É tan importante a mostra pública como o proceso», explica Nuria Sotelo, que xa tivo experiencias anteriores de traballo social a través da arte con Experimenta Danza, na Coruña ou no Festival Deltebre Dansa, en Cataluña, un encontro internacional de artistas de distintas disciplinas como o circo, a danza ou a pintura. Nuria Sotelo apunta que a nivel humano este tipo de traballos engánchana e artisticamente son «honestos». Ademais do equipo artístico, Nuria Sotelo conta con a importante colaboración da área de Igualdade e Servizos Sociais do Concello de Allariz, coas técnicas Ana Cardoso e UxíaFernández , que achegan material conceptual. E é que o nome do proxecto, Ser Con ,non é casual. «Non somos individuos alleos o que nos rodea. Ser con significa en relación, buscando o entendemento e a diversidade», debulla Nuria Sotelo.