Xeados con sabor a Cunqueiro

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

ourense

No Avó preparan desde sorbete de vermú vermello a sabores como boletus ou requesón

26 jun 2019 . Actualizado ás 13:59 h.

De queixo do Rexo, de mel e de castañas de Allariz, de requesón de Celanova ou de vermú vermello galego. Os xeados e sorbetes que prepara Javier Bernal Herzog teñen todos algo en común: son quilómetro cero e sen aditivos. Este vasco chegou a Allariz por amor da man de María Díaz e na vila instalou a xeadería O Avó, en honra ao seu sogro que foi o que ideou o proxecto, aínda que non chegou a velo feito realidade. Comezaron a andaina fai algo máis de cinco anos coas ideas moi claras. «Aprendín a facer xeados en Alacante. Nós queriamos facer un de verdade, baseado no produto local. O leite que usamos é ecolóxica de aquí. Allariz ten a vantaxe de que hai moito pequeno produtor que é con quen nos gusta traballar», explica Javier.

Non só venden no establecemento senón que colaboran con locais de hostalería ofrecendo os seus produtos. E mesmo sacan os sabores da literatura galega: «Por casualidade lemos un artigo de Álvaro Cunqueiro que falaba das papanduxas, que son unhas mazás asadas con canela e un chorrito de bagazo de herbas. Pensamos en que tiñamos que recuperalo e formade xeado. E témolo».E tan ben funcionou que é xa un clásico da xeadería allaricense. «Ofrecémolo todo o ano e a xente xa está acostumada e o día que falta hai ata unha decepción tremenda», ri.

Todo isto é o resultado do gusto pola creatividade de Javier Bernal e o amor pola gastronomía. Así ofrecen xeados de requesón con mandarina e cardamomo ou de iogur con higo e laranxas confitadas. «Gústanos traballar co produtor e velo. Logramos unha confianza que é unha pasada. Sabes como está o produto, cóntanche cales son as súas virtudes ou as súas pegas. E esa proximidade non ten prezo». Non só ofrecen sabores creativos. No Avó tamén hai xeado de fresa, limón, turrón ou chocolate.

Algo que tamén tiveron claro desde o principio foi a necesidade de que o obrador estivese na mesma tenda. «Como non temos nada que esconder é un taller aberto. Vés comprar e ves como se está elaborando. Iso dá ao cliente unha confianza. Como non usamos saborizantes nin nada raro... Se usamos fresa, limpámola nós e engadímoslla», explica.

Fan xeado durante todo o ano e, como na moda, tamén se fabrica dependendo da estación. «Agora facemos xeados mais refrescantes, no outono metemos outros sabores e estamos máis enfocados á hostalería, onde por exemplo preparamos xeados de boletus ou de cabaza con anís estrelado. Reunímonos co xefe de cociña e adaptámonos ao seu menú, tanto con xeados doces como salgados», relata.

Pero non só se consome para sobremesa, tamén prepararon xeados para aperitivos: «O de queixo do Rexo, hai algún que o pon con anchoa ou pemento vermello para aperitivo. Estas cousas encántanos e non pomos limites, desenvolvemos a creatividade todo o que podemos».

Non está na súa mente ampliar o negocio porque están convencidos de que perderían a súa esencia. «Estamos en Allariz e aínda que moita xente nos dixo que podiamos ir a Ourense, pero tal e como esta o mercado de alugueiro, estamos a pensalo. De momento, colaboramos cos restaurantes da cidade».