Unha investigación vincula aos antigos canteiros con os esgrafiados na comarca de Trives

Pablo Varela Varela
P. Varela OURENSE / LA VOZ

A Pobra de Trives

CEDIDA

A autora do descubrimento, Mar López, sostén que «a súa distribución está ligada ás vellas rutas cara a Castela»

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ecos do pasado resisten aínda nas fachadas das casas na comarca de Trives. Ata o próximo 7 de xaneiro, a sala de exposicións do Centro de Interpretación Histórico Cultural Santa Leonor, en Pobra de Trives, acolle unha mostra sobre os esgrafiados na Ribeira Sacra. E Mar López Sotelo, educadora social e investigadora, descubriu varias na comarca, entre San Mamede, Sobrado de Trives e San Xoan de Barrio.

«Hai máis noutras zonas, pero esta en concreto non a tiñamos moi mirada», di Sotelo, que colabora en tarefas de divulgación cultural pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Todo foi froito do azar: «Durante unha das miñas camiñadas pola comarca, atopeime unha fachada con esgrafiados». E a teoría que ela manexa vincula a orixe dos mesmos co traballo dos antigos canteiros, pola coincidencia do seu paso en ruta cara ao reino de Castela.

«Os esgrafiados seguen unha rutina: velos nos camiños reais, nas vellas vías romanas e tamén o Camiño de Santiago», indica. E Sotelo, tras moito preguntar, atopou un termo da xente do pobo vinculado á xerga dos canteiros, 'charuja', equivalente aos esgrafiados de outrora. «Estaban feitos a base area, cal e auga», describe a investigadora, que engade: «E moita da simboloxía que vimos bebe da castrexa».

A comparativa chegou desde Segovia

Sotelo, durante o seu traballo, recibiu a chamada de Rafael Ruiz Alonso, doutor en Historia da arte na Universidade Complutense de Madrid e especialista na mesma materia. Ambos compararon os descubrimentos realizados e aí foi cando comezaron a manexar a hipótese de que moitos destes debuxos eran pagamentos a particulares. «Hai símbolos en casas podentes e tamén en casas pobres, porque ao final se acababan copiando e isto mantívose no tempo. Pero a nosa idea é que os canteiros ían cara á Meseta a traballar e, de camiño, a cambio de comida e cama, pagaban desta forma», indica Sotelo.

Patricia Domínguez, alcaldesa de Pobra de Trives polo PSOE, sinala que todo xurdiu hai dúas semanas, nos albores da exposición de Sotelo. «Aínda estamos nos inicios, pero a idea é potencialo turísticamente, polo recurso e significado dos esgrafiados», comenta.