Aprobado de xeito inicial o plan especial do consorcio dos Peares

La Voz OURENSE

A Peroxa

ROI FERNANDEZ

O documento inclúe a dotación de varias insfraestructuras na zona

12 ene 2019 . Actualizado ás 10:43 h.

O plan especial de protección, infraestruturas e dotacións do consorcio dos Peares deu onte un novo paso coa súa aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo é contar cunha guía para a mellora das condicións estéticas, establecendo as pautas para un crecemento sostible do lugar, que abarca aos concellos da Peroxa, Nogueira de Ramuín, Pantón e Carballedo. O documento define as áreas de protección dos núcleos e as condicións de edificación e rehabilitación, acordes ao que recollen os plans de urbanismo vixentes nos diferentes concellos implicados.

O plan tamén prevé proxectos de mellora de varios espazos públicos, así como dos viarios. Así, mellorarase a ligazón que vai desde Os Peares a Ambasmestas, así como os que van ata A Granxa e Casdavil. Tamén se prevé a reurbanización da zona da estación de tren, a integración paisaxística da nova ponte sobre o río Miño e a urbanización da ligazón entre a igrexa de Nosa Señora do Pilar e a ponte do ferrocarril e do bordo fluvial do río Búbal, que será adecuado como zona verde.

Tamén se estudará a colocación de colectores nos pobos (mesmo subterráneos) e a habilitación de novas paradas de bus.