A Deputación pagará 80.000 euros pola etapa da Volta a España que acaba en Luíntra

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

A Gudiña

Antonio Cortés

No 2016, a institución investiu 200.000 euros para cinco días da rolda ciclista

01 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O próximo día 5 de setembro, os afeccionados ao ciclismo poderán gozar do paso dunha etapa da Volta a España. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, a Deputación chegou para iso a un acordo económico coa empresa que organiza esta competición (Unipublic S. a.). Os detalles do mesmo acaban de facerse públicos na Plataforma de Contratación do Sector Público e o custo de ver pasar unha etapa por Ourense será de 80.000 euros (impostos incluídos).

Segundo figura na documentación do contrato, ese é o diñeiro que pagará a Deputación polo «patrocinio» de Luíntra, capital municipal de Nogueira de Ramuín, como sede para a chegada da undécima etapa da Volta a España 2018. Cabe destacar que o acordo acadado con Unipublic, tramitado como un procedemento negociado sen publicidade, establece que o nome oficial da meta que se utilizará na competición será o de Ribeira Sacra-Luíntra, coa intención de impulsar así a promoción turística de toda a zona.

A pesar de que esa etapa comeza en Mombuey, na provincia de Zamora, o certo é que a maior parte dos 208 quilómetros de percorrido discorren pola provincia de Ourense. Co gallo da presentación do itinerario da xornada, nun acto que tivo lugar na Gudiña, expúxose a repercusión económica prevista a raíz do paso desta competición por Ourense. Agárdase unha cobertura informativa do evento que acadará os 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados nunha caravana que chega ás 2.500 persoas e que xera un gasto diario de 250.000 euros. Ademais, en Internet agárdase un seguimento, segundo os organizadores, de doce millóns de persoas.

O principal obxectivo do investimento é promocionar a provincia «impulsando internacionalmente a marca ‘‘Ourense''», explicou o presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar. Javier Guillén, director de Unipublic, destacou, pola súa banda, o impacto que suporá a «beleza» da Ribeira Sacra durante a retransmisión da etapa. A institución provincial renova, deste xeito, o seu interese pola Volta, que xa mostrou en anteriores edicións. O precedente máis importante é do ano 2016, cando a primeira xornada da competición arrincou na capital ourensá. Entón foron cinco as etapas que pasaron pola provincia e o investimento da Deputación foi de 200.000 euros.

O percorrido cruza once concellos da provincia

A etapa que cruzará Ourense o día 5 de setembro sae de Mombuey, en Zamora, e percorrerá once concellos da provincia de Ourense: A Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Viana do Bolo, Larouco, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Nogueira de Ramuín. Aínda que a etapa remata na capital municipal dese último concello, o coñecido como «Parque Volta» instalarase na contorna do campus universitario de Ourense. Trátase dun espazo de lecer dirixido a toda a familia. Por outra banda, na caravana publicitaria desta edición inclúese un vehículo coa imaxe promocional da provincia que percorrerá 400 municipios de España.