Arnoia, o río que cambia de nome

ISABEL SANTOS

A Arnoia

31 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Arnoia, o río ourensán máis longo, nado na confluencia das fontes da Serra de San Mamede, vai deixando ao seu paso veigas, hortas e muíños, pontes e pontellas. O concello de Xunqueira de Ambía e as parroquias de Santa Eufemia de Ambía e Santa María de Ponte Ambía no concello de Baños de Molgas están no seu curso alto, na fértil comarca de Allariz. Hai quen identifica Ambía co propio Arnoia, indicando a posibilidade dun cambio de nome, segundo sexa curso alto ou baixo. No baixo está o concello do mesmo nome: A Arnoia, e no alto, os xa indicados.

Na base deste e doutros hidrónimos está a raíz prerromana «arn» ou «arna» co significado de «leito dun río, concavidade». Dela derivarían o italiano Arno, o suízo Arnóz, o pontevedrés Arnego, e mesmo o nome da praia da Arnela, no Son, que ten a forma cóncava indicada e está situada entre dous montes.

Volverei a Ambía para escribir sobre as súas xoias. Namentres, vou degustar os pementos da Arnoia ben regados co viño falangueiro e trouleiro da comarca onde o noso río une as súas augas ás do Miño: o Ribeiro.