Irene Miras, nutricionista: «Unha alimentación adecuada pode servir para reducir a medicación»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Irene Mirás atenderá el servicio en el centro de salud de A Valenzá
Irene Mirás atenderá o servizo no centro de saúde da Valenzá Santi M. Amil

Os nutricionistas dos centros de saúde axudarán a pacientes crónicos

30 ene 2023 . Actualizado ás 19:43 h.

O Sergas acaba de pór en marcha as unidades de apoio nutricional para atención primaria. Esta incorporación de nutricionistas e técnicos superiores en dietética á carteira de servizos do primeiro nivel asistencial pretende actuar nunha dobre vertente: o apoio a pacientes con patoloxías crónicas e a prevención e mellora da educación alimentaria a través de actividades grupales. Na área sanitaria ourensá incorporáronse trece profesionais para o plan piloto que se avaliará dentro dun ano. En concreto cinco están na cidade e repártense nos centros de saúde de Valle-Inclán, Nóvoa Santos-O Couto, A Ponte, A Cuña e A Carballeira-Coles. Outras cinco atenderán a provincia por zonas: unha ocuparase de pacientes do Barco, Trives e Viana, outra de Verín , un terceiro profesional atenderá a demanda de Xinzo, Allariz e Maceda, o cuarto terá ao seu cargo Celanova, Bande e Castro Caldelas e a quinta praza habilitada cubrirá O Carballiño e Ribadavia. Haberá ademais unha persoa especificamente orientada a pediatría (que terá consulta no Nóvoa Santos), e dous máis para reforzar a atención a pacientes con patoloxías crónicas como obesidade, diabetes, hipertensión, insuficiencia renal ou problemas cardiovasculares. Unha delas é Irene Mirás (Ames, 1997), adscrita ao da Valenzá, en Barbadás .

—Como ten que facer o paciente para solicitar unha consulta nutricional?

—Polo momento non pode solicitalo directamente como fai, por exemplo, para pedir cita co seu médico de cabeceira. Nós somos unha unidade de apoio para dar soporte aos profesionais do centro de saúde que son quen nos van derivar aos pacientes. Eles, o persoal médico e de enfermería, son os que deciden porque son quen coñecen a esas persoas e as súas patoloxías e quen valorarán se a nosa intervención podería axudarlles.

—Ata que punto pode mellorar a un paciente crónico coa alimentación?

—O estilo de vida, tanto a alimentación como o exercicio físico, teñen unha incidencia directa en valores como a tensión arterial ou o colesterol, por exemplo. Hai unha serie de problemas de saúde que poden mellorar se modificas algúns hábitos e unha alimentación adecuada pode servir mesmo para reducir ou evitar, en determinados casos, que se chegue a tomar medicación. Por exemplo, cunha persoa prediabética ou que está nun estado inicial da enfermidade, pódese intervir para evitar que siga avanzando ou mesmo chegar a reverter e que non teña que medicarse. Isto non significa que poidamos REVISAR curar coa alimentación a todos os diabéticos. É importante que non creamos tampouco en certas tendencias que outorgan propiedades case milagrosas ao que comemos.

—Refírese ás dietas anticáncer?

—É unha delas. Son cousas que non teñen ningunha base científica. Pensar que che vas curar dun cancro con só a alimentación é absurdo. Son cousas que supoñen un perigo para quen llas crea e deixe de tratarse coa medicación que corresponda. Nós podemos axudar, dentro dun traballo multidisciplinar co equipo médico que lle trate porque en xeral unha alimentación saudable beneficia para afrontar calquera proceso de enfermidade pero non vai solucionar por si soa unha patoloxía deste tipo. Non se pode caer en mensaxes sensacionalistas coa nutrición. A alimentación non vai substituír nin aos medicamentos nin as intervencións que se necesitan para tratar un cancro. Nós podemos achegar o noso gran de area. Por exemplo, hai pacientes aos que lles custa comer porque ás veces o tratamento lles xera cambios mesmo no gusto. Podemos darlles consellos para cambiar alimentos que lles desagraden por outros que non lles xeren ese rexeitamento e orientarlles sobre os que lles van achegar máis nutrientes.

—Nestas novas consultas axudarán á xente a adelgazar?

—Existe a idea de que a nosa función está limitada a ese aspecto e aínda que en ocasións algunhas patoloxías ou pacientes en concreto poden requirir baixar de peso, hai xente que come mal e que está delgada. Como tamén hai persoas que teñen unha porcentaxe de graxa ou un peso adecuado pero que poden ter unha patoloxía que requira unha axuda nutricional. É o caso de persoas cunha diabetes tipo 1, ou á que se lle acabe de diagnosticar celiaquía e necesita orientación para enfocar a súa alimentación. É certo que o sobrepeso inflúe negativamente no noso estado de saúde e en moitas enfermidades pero a nosa liña de acción é moito máis ampla e global que facer adelgazar. Podemos axudar en casos de alerxias, de intolerancias, aconsellar en distintos ciclos da vida como pode ser o embarazo na muller... Podemos apoiar a moitas persoas aínda que non teñan un problema de obesidade.

—Hai quen come ben e engorda ou iso é un mito?

—Si. Pode haber bos hábitos alimenticios e que haxa outros factores que están a influír para que esa persoa teña sobrepeso, desde medicamentos que teña que tomar á imposibilidade de facer exercicio físico porque teña, por exemplo, problemas de mobilidade. Hai moitas cousas que poden influír, incluso o como descansa ou a saúde mental. Non se pode estigmatizar. Hai que escoitar á persoa e intentar apoiala. Cando alguén chega a unha consulta dun nutricionista valórase non só o que come , aínda que esa é a nosa especialidade. A saúde hai que entendela de modo global e hai que valorar as circunstancias en cada caso para ver cal é a solución mellor. Non se trata de dar dietas e punto. Tampouco hai que angustiar ás persoas, senón intentar axudarlles xerando novos hábitos, con tempo e aos poucos. Todos os cambios son significativos pero se tes vinte cosas que modificar pois hai que empezar por dous e logo xa irás avanzando. Intentar facelo todo perfecto desde o principio pode ser abafador. Os cambios repentinos de cando en cando supoñen unha melloría duradeira, que á fin e ao cabo é o que perseguimos.

—En que consiste a liña de acción comunitaria que tamén se lles encargou?

—Está enfocado á prevención e á formación en hábitos saudables e a idea é traballar con distintos colectivos, desde os colexios a asociacións veciñais. Trátase de informar e potenciar que a xente asuma que comendo mellor pode previr futuros problemas.