Os catro parques do consorcio contra incendios terán xestión pública directa desde o 1 de febreiro

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Reunión de la comisión del Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense, presidida por Pablo Pérez.
Reunión da comisión do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense, presidida por Pablo Pérez. Alberte Paz

Xunta e Deputación de Ourense avanzan no cambio de modelo que suporá que os 75 bombeiros pasarán a ser persoal propia da entidade pública

27 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento reuniuse este xoves no Pazo da Deputación de Ourense, organismo que, xunto coa Xunta de Galicia, integra esta entidade pública de servizos de urxencia. Na reunión, de carácter extraordinario, acordouse implantar a xestión directa nos catro parques de bombeiros que forman parte do consorcio: o do Carballiño-O Ribeiro , o de Xinzo , o de Verín e o de Valdeorras..

O cambio de modelo será efectivo a partir do 1 de febreiro, comunicou a Deputación ourensá. A medida implica a subrogación como persoal propio dos 75 bombeiros que traballan nos catro parques citados. Segundo a Xunta, o acordo do pleno de onte supón un paso máis para avanzar no modelo de xestión directa, pero aínda hai que culminalo cun trámite máis que require facerse noutro pleno: a aprobación da memoria justificativa da forma de xestión, que elaborará a comisión de estudo xa reunida tamén onte para este fin.

Este ano finalizaba a prórroga do contrato da empresa privada que xestionaba o servizo, Veicar. Os traballadores dos parques de bombeiros protagonizaran, desde hai anos, mobilizacións en toda Galicia para protestar contra a xestión privatizada e en defensa dun modelo totalmente público para este servizo.

Tras o pleno, o presidente do consorcio provincial, Pablo Pérez, destacou a «boa sintonía e disposición» dos traballadores dos parques, cos que se reuniu o mércores, para iniciar esta nova etapa. Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, puxo a énfase na colaboración entre administracións na xestión das urxencias. Ademais destes catro parques de bombeiros incluídos no consorcio, Xunta e Deputación cooperan nos 11 Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) que operan na provincia e no servizo supramunicipal de bombeiros da Terra de Celanova .