Sarabela leva a Lauro Olmo ao seu teatro

OURENSE

Foto de arquivo de Sarabela Teatro
Foto de arquivo de Sarabela Teatro Santi M. Amil

O Concello do Barco de Valdeorras programa once obras teatrais e concertos para este primeiro semestre do ano

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha obra de Lauro Olmo poderá verse por fin no teatro que leva o seu nome na súa vila natal. O Concello do Barco de Valdeorras fíxolle a encarga a Sarabela e a compañía ourensá dixo que si a poñer en escena «Asemblea Xeral». A estrea mundial será o 27 de maio. «É un pracer e un orgullo que Sarabela aceptase a proposición», explica a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, que di que non renuncian a que algún día se poida representar no Barco «La Camisa», a obra máis coñecida de Olmo.

Con «Asemblea Xeral» rematará a programación do primeiro semestre do ano, que arranca este mesmo venres con Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, que representarán «A lúa vai encuberta». Xa en febreiro, o día 11 será o concerto de música tradicional «Aire!», de Caamaño & Ameixeiras; e o 25 estará reservado para os máis cativos da casa, que poderán gozar de «A cazola de Lola», de Tanxarina Títeres. Marzo traerá a Sarabela con «Morgana en Esmelle», o día 11; e a Impomadrid Teatro con «Porvenir», o 25.

Gargallada abrirá abril o día 2 con «Un desastre de función», que xa se puido ver no Teatro Lauro Olmo en decembro. O día 8 será o momento de Matrioshka Teatro con «Comando comadres», e o 22 estará P. T. Excéntricas con «O porco de pé».

Para ir rematando, o 6 de maio Sheila Patricia ofrecerá un concerto titulado «Galicia Infinda. Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán»; e o 16 Zoar Ensemble ofrecerá «Concerto das Letras».

As funcións serán ás 21.00 horas, agás as do 2 de abril e o 16 de maio, que comezarán ás oito; e a de Tanxarina, que iniciará ás este.

Catro artistas ilustres

O cartel da programación quere ser unha homenaxe a catro valdeorreses ilustres: o dramaturgo Lauro Olmo, a novelista Elena Quiroga e o pintor Jesús Ferrer, dos que no 2021 se cumpriu o centenario do seu nacemento; e ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, protagonista do Día das Letras. «A programación é unha escusa para poñelos na palestra», di Pizcueta.

As entradas poden comprarse de maneira anticipada na tenda Ton y Son (na rúa Eulogio Fernández) e na propia billeteira do teatro desde unha hora antes da función.