O Arenteiro na Copa do Rey : pequenas xestas e un gran aliciente

m. Rodríguez OURENSE

OURENSE

Alex Carausan

Joel Castro, adestrador, e Peluso, entón xogador, lembran as súas participacións

01 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O CD Arenteiro comeza hoxe en Espiñedo (20.30 horas) a súa sétima participación na Copa do Rey . O club carballiñés medirase ao SD Logroñés, da 1º RFEF, un rival inédito na súa historia. Tres veces mediuse ao Club Deportivo Ourense e en dúas tempadas acadou a terceira rolda do torneo.

Desa primeira edición do duelo copeiro Arenteiro-Ourense, na tempada 1985-86 foron protagonistas nos bancos Joel Castro, técnico do equipo carballiñés, e Mario Guede, da escuadra da cidade. Guede lembra que xogaron en Ribadavia e que Toño Rivas e Andrés González marcaron os dous goles na segunda parte do partido de volta. Joel Castro fichara polo Arenteiro despois de tempadas exitosas no Lemos e no Verín. «Apostaramos por xogadores baratitos, varios sub-20 do Atlético Ourense e do Lemos leveime a Galego», lembra.

Houbo un preámbulo daquela cita copeira, un partido de pretemporada en Leiro que gañou o Arenteiro por 1-0, detalla Castro. «No partido de ida quedamos 0-0, pero o Ourense foi moi superior, era un equipo de Terceira que estaba para ascender, e nós un equipo de Terceira para non descender. Foron moi superiores en ambos os partidos. No primeiro quedamos a ceros porque eu era moi defensivo. O segundo foi un 2-0 merecido», lembra.

Joel Castro incide en que, á marxe de quedar eliminados nesa primeira rolda toda a tempada foi «fatal» para o Arenteiro. «Foi un desastre absoluto. Primeiro, o presidente e eu tiñamos os nosos máis e os nosos menos, e segundo, tamén teño o meu mea culpa: non tiven feeling cos veteranos do Arenteiro. Eu quería un equipo para correr, loitar, pelexar e os xogadores tiñan que adestrar fisicamente forte e eses non querían», recoñece. A súa inspiración foi entón o O Porto de Futre, con cinco no medio campo e un dianteiro, pero non logrou adaptalo no Carballiño . «Foi tan mal a liga que me botaron a media tempada. Non me pagaron, pero botáronme. Ese foi o meu único fracaso», lamenta. Desconectado do fútbol desde hai 16 anos, Joel Castro afirma que hoxe só se identifica co xogo do Atlético de Madrid do Cholo Simeone.

Máis lonxe no torneo chegou o denominado CD Carballiño no que xogou catro tempadas o hoxe técnico Peluso. Na tempada 1990-91, o Arenteiro chegou á terceira rolda de Copa do Rey despois de eliminar ao Cambados e ao Endesa As Pontes. En terceira rolda, tocou o Elxe, ao que se enfrontaron no Couto no partido de ida. «Foi pola luz. No Couto había un ambiente tremendo, cheo. Foi unha inxección para o equipo e para o club». O resultado, 0-1 e á volta, 0-0 e fin do traxecto. O Elche estaba en Segunda A pero tiña pasado en Primeira. «Foi unha experiencia moi bonita como os xogadores de agora do Arenteiro terán tamén, e ademais en Espiñedo», sopesa Peluso. Ao ano seguinte, o Carballiño volveu repetir percorrido. Eliminou ao Lalín, de novo ao Endesa e plantouse en terceira rolda ante o Baracaldo. Na ida gañaron 1-0 e na vila biscaíña, os vascos impuxéronse 3-0 con polémica. «Elimináronos no desconto de forma vil e cruel», opina Peluso.

Sobre a edición actual da Copa, Peluso apunta a sorte que tivo a afección coruñesa que poderá ver ao Vilarreal contra o humilde Victoria . Para os xogadores deste equipo e tamén para o Arenteiro, o técnico cre que xogar a Copa será «un aliciente tremendo». «Este é un partido para saír a gozar», anima. Considera que o Arenteiro e a SD Logroñés están máis parellos do que se poida pensar. Sobre a situación do equipo, considera que «hai que ter paciencia, están pelexando e as veces pérdese por pequenos detalles. Hai que seguir crecendo. A Copa é un aliciente distinto, igual lles vén ben aos xogadores, é un partido único», comenta.

A última participación, ata esta tempada, fora na campaña 1993-94, de novo ante o CD Ourense, que os eliminou.