A Ribeira Sacra abre unha nova fase na súa candidatura a Patrimonio da Humanidade

La Voz OURENSE

OURENSE

Algunos de los participantes en la reunión
Algún dos participantes na reunión XOÁN CRESPO

A Xunta incorporará novos perfís ao equipo técnico que traballa para conseguir a declaración da Unesco

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta e o Ministerio de Cultura iniciaron esta semana unha nova fase na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Foi nunha reunión con representantes de Icomos, o órgano asesor da Unesco, en participárona o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló; a directora xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco , e a directora xeral de Icomos, Marie-Laure Lavenir, entre outros.

A reunión marca un punto de inflexión no proceso da candidatura, dixo Rodríguez, xa que supuxo revisar o expediente en colaboración cos membros do órgano asesor, o que permite seguir avanzando no proceso. «Seguimos crendo no gran valor da Ribeira Sacra e melloraremos todo o que sexa preciso para dar o último paso con toda a forza e conseguir o si definitivo», dixo. Este novo proceso de diálogo busca acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais do territorio para conseguir a ansiada declaración. Para iso, a Xunta ampliará o equipo técnico que traballa na candidatura, ao que se incorporarán novos perfís. Ademais, intensificarase o contacto coas outras administracións implicadas, así como cos veciños. «O noso propósito é inaugurar e ampliar un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra», apuntou.