Ameazou cun coitelo a un menor para roubarlle tras citalo por Instagram

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

M. FERNÁNDEZ

O acusado recoñeceu os feitos no xulgado e aceptou unha condena de dous anos de prisión

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

En dous anos de prisión quedou fixada a condena para Marco Antonio D. N., quen ante a maxistrada do Xulgado do Penal 1 de Ourense admitiu ter asaltado cun coitelo de cociña a un mozo menor de idade.

Os feitos remóntanse ao 9 de xullo do 2021. Ese día, sobre as sete da mañá, o acusado colleu o móbil do seu irmán e meteuse na súa conta de Instagram , localizando o perfil da vítima e enviándolle unha mensaxe privada no que lle citaba no parque das casas baratas do Carballiño , argumentando que «quería falar con el». En realidade as súas pretensións eran outras xa que, segundo el mesmo recoñeceu, cando o mozo chegou ao punto de encontro o acusado sacou un coitelo de cociña que levaba escondido no xersei e ameazouno, esixíndolle «diñeiro ou xoias». A vítima non tiña máis que un móbil, que entregou ao acusado para que lle permitise irse a casa e buscar o que lle pedía. O acusado aceptou e o mozo, ao chegar, contou o ocorrido aos seus pais e estes avisaron ás autoridades, que arrestaron ese mesmo día ao sospeitoso e recuperaron o móbil. A maxistrada accedeu a que o condenado non teña que ingresar en prisión, a condición de que non cometa máis delitos en dous anos.