A oficina de turismo de Ourense recibiu máis visitas este xullo que no mesmo mes dos anos prepandemia

La Voz OURENSE

OURENSE

Oficina de turismo del Concello de Ourense
Oficina de turismo do Concello de Ourense Agostiño Iglesias

A instalación municipal recibiu a 5.381 persoas, máis que no 2019 ou o 2018

04 ago 2021 . Actualizado ás 18:02 h.

A concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, do PP, aproveitou o pleno que este martes celebrou o Concello de Ourense para informar dos últimos datos de visitantes da oficina de turismo municipal dos xardíns do Pai Feijoo. Ao longo de xullo pasaron por alí 5.381, o que supón un claro incremento con respecto ao mesmo mes do ano anterior (2.438), xa coa pandemia. Pero o que chama a atención é que ese rexistro é superior mesmo aos de xullo do ano 2019 e 2018, sen coronavirus.

«Hai cousas que non debemos estar a facer mal», dixo a popular Flora Moure, que respondía deste xeito ás críticas da oposición durante o debate de dúas mocións en relación ao Ano Xacobeo e a promoción do Camiño de Santiago pola Vía da Prata. Criticou a oposición, pero tamén o propio alcalde. Gonzalo Pérez Jácome denunciou a «discriminación» da Xunta de Galicia cara a Ourense e asegurou que as rutas xacobeas benefician basicamente á capital autonómica. «Non existe ningunha cidade no mundo con menos de 100.000 habitantes que teña os mesmos privilexios que Santiago», sentenciou o alcalde.

A pesar dos rozamentos entre uns grupos e outros no debate deste punto, houbo unanimidade na aprobación dunha das mocións, que reclama á Xunta e a Deputación un plan específico de promoción para a Vía da Prata. A outra, que foi emendada polo PP para reclamar investimentos ao Estado, tamén se aprobou pese ao voto en contra do PSOE.