A humanización da capitalidade do Pereiro custará 150.000 euros

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Casa consistorial de O Pereiro de Aguiar
Casa consistorial do Pereiro de Aguiar MIGUEL VILLAR

O prazo de presentación de ofertas para executar as obras estará aberto ata o 19 de agosto

04 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou por preto de 150.000 euros as obras de mellora e humanización da capitalidade do concello do Pereiro de Aguiar. A plataforma de contratos públicos da Xunta acaba de publicar o convenio da actuación, cuxo prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 19 de agosto. A obra, que se executa ao amparo dun convenio de colaboración no que a Xunta achegará o 70 % do orzamento necesario, permitirá que o ámbito que está delimitado pola rúa Grande, a praza do Concello e o camiño Baralongo teña un aspecto renovado e integrado coa paisaxe, ademais de ser unha zona máis funcional, aberta e accesible aos veciños.

Os traballos previstos consistirán no enterramento das instalacións e conexións das vivendas, co obxectivo de garantir os servizos básicos municipais de calidade. Ademais, instalarase unha rede de sumidoiros separativa, que servirá para mellorar a xestión das augas residuais nesa zona. As obras complétanse coa rehabilitación do pavimento e a instalación de iluminación e mobiliario urbano. Os traballos inclúense no plan Hurbe da Xunta.