Voe, pero lonxe

Pablo Varela Varela
Pablo Varela O APAGAMENTO

OURENSE

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia, ese eterno celeiro de talento, segue fiel á súa filosofía de abrir as portas para exportalo. Talvez sexa que aquí non fai falta, ou que mesmo sobra. En todo caso, o importante é perdelo de vista, coa esperanza de que nalgún momento regresen, como coas aves de paso.

En Ourense, onde o campus pelexa desde hai anos por brindar unha continuidade aos estudantes de Enxeñería Aeroespacial, a vía do máster habilitante —pretendido pola Escola de Camiños da Coruña— segue morta e sobre o taboleiro de xadrez móvense as pezas, aínda que tenden a regresar ao mesmo sitio. Mentres tanto, o éxodo do alumnado continúa, e non é nada novo.

O ano pasado, Enrique Aldao, carballés que chegou á cidade das Burgas para cursar o grao, optou por irse a Madrid tras constatar que a súa primeira opción, seguir a beiras do Miño, era practicamente unha quimera. «Xa coñezo isto, e realmente estudar aquí é un luxo. Se podo quedar, para que irme», dicía. Pero tocoulle marcharse, porque non tivo outra opción, a pesar de que a titulación que cursou vai á alza, o sector é puxante e a experiencia de quen saen da Escola capta a atención da Axencia Espacial Europea. Basta con escoitar a Marco Casanova, veciño de Bande que se incorporou onte ao Centro Europeo de Operacións Espaciais (ESOC), en Alemaña : «Foi unha gran oportunidade para min que houbese esta carreira en Ourense».

Se hai unha base firme, debuxar os pisos superiores pode ser máis sinxelo. E na provincia, onde a auga que sae do subsolo é considerada case que un tesouro, hai outro que brota ano tras ano desde as aulas.