O 60 % dos mozos do Barco de Valdeorras ignoran o cribado

María Cobas Vázquez
María Cobas O Barco

OURENSE

El cribado en O Barco se hizo en el pabellón de Calabagueiros
O cribado no Barco fíxose no pavillón de Calabagueiros LOLITA VÁZQUEZ

Das 2.000 persoas citadas acudiron 843, dos cales 14 deron positivo

14 jul 2021 . Actualizado ás 22:38 h.

O Barco de Valdeorras amencía con 96 casos activos de coronavirus , todos vinculados co brote iniciado no lecer nocturno o sábado 3 de xullo, que non deixa de crecer e que deu o salto tamén ás familias dos primeiros infectados. A media mañá chegaba o anuncio do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de que a localidade pasará a nivel alto de restricións o sábado a medianoite. E o día continuaba co cribado masivo organizado no pavillón de Calabagueiros.

Estaban citadas 2.000 persoas de entre 16 e 35 anos, que é a franxa de idade na que se concentran a maioría dos casos. Arrincou ás tres e media e 90 minutos despois pasaran apenas 300 persoas. E 7 saíron coa confirmación de que tiñan coronavirus. Ás oito, cando se pecharon as portas do pavillón de Calabagueiros o reconto final foi de 843 asistentes. Acudiron pouco máis do 42 % dos convocados, mentres que case o 60 % decidiu ignorar unha proba que busca detectar positivos asintomáticos e evitar que sigan transmitindo o virus. O cribado serviu para detectar 14 positivos.

Ao facerse a proba con test de antígenos, en 15 minutos xa está o resultado. Desde a mesa de control explicábanlles aos positivos que tiñan que irse directamente a casa a empezar o illamento, e que xa lles chamarían desde o Centro de Seguimento de Contactos para rastrexar ás persoas coas que teñan estado nos últimos días durante máis de 15 minutos, a menos de metro e medio e sen máscara. Ao ser a maioría dos positivos persoas moi novas que viven cos seus pais, no caso dos convivientes teñen que empezar a corentena xa mesmo (mesmo antes de saber o resultado da proba PCR que lles farán no Autocov do hospital do Barco entre hoxe e mañá, sen baixar do coche).

A localidade bate o seu propio pico de casos activos

Os 96 casos activos -que hoxe crecerán ao sumar os do cribado e tamén todos aqueles positivos detectados noutras probas- supoñen ademais o pico máis alto de contagios de toda a pandemia no Barco. Ata agora o número máximo de pacientes covid que houbo o mesmo día rexistrouse o 8 de outubro. Naquel entón, unha festa de benvida a un bebé desencadeou un gran brote que afectou a 87 persoas.

A situación do Barco está a estenderse ao resto da comarca. Hai 5 casos en Vilamartín  e outros tantos en Rubiá , 4 na Rúa, 2 na Veiga e 1 en Carballeda . Pola súa banda, Larouco, Petín e O Bolo mantéñense libres de coronavirus desde hai varias semanas.