Gonzalo Caballero reclama unha planta de tratamento de xurros na Limia

La Voz OURENSE

OURENSE

Visita de Gonzalo Caballero a Xinzo de Limia
Visita de Gonzalo Caballero a Xinzo de Limia CEDIDA

O líder do PSdeG tamén esixe un impulso á modernización dos regadíos

11 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Xinzo de Limia, onde se reuniu coa súa alcaldesa, a socialista Elvira Lama. O líder da formación aproveitou a súa presenza alí para insistir na reivindicación dunha planta de tratamento de xurros para a comarca así como a execución das melloras prometidas nos sistemas de regadío. Despois de doce anos de goberno de Alberto Núñez Feijoo estas seguen sendo unha «materia pendente» da Xunta, dixo Caballero. Segundo remarcou «hai que poñer fondos, medidas e proxectos adecuados» e apostou por propiciar un futuro para o sector agrogandeiro «a través dun equilibrio ecolóxico co entorno natural».

O máximo responsable do PSdeG destacou o traballo realizado pola alcaldesa e esta pediu máis recursos á Xunta, entre outras cousas para incrementar as horas de atención do servizo de axuda no fogar. «Demandamos o que demandan todos: máis financiamento», engadiu Elvira Lama.