Con sentido de enocomarca

Juan M. Casares FIRMA INVITADA

OURENSE

Santi M. Amil

30 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai uns días tiven a oportunidade de visitar o «Circo de Artesáns da Coruña». Confeso que foi unha honra poder falar dunha das miñas paixóns, o Ribeiro, no mesmo foro onde noutras épocas disertaron das súas cousas e de Galicia os meus mestres: Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Xa de volta, mentres conducía baixo o acubillo do luar, unha pregunta invadiu o meu maxín, que fas desta hora e aquí?. A resposta foi doada e formúlase así: un sentido de enocomarca.

Quen me coñece sabe que para min o Ribeiro é moito máis que viño. É un territorio no que historicamente este produto constitúe o seu motor de desenvolvemento económico; onde a viticultura é máis que unha forma de vivir, é unha comuñón íntima coa terra. Representa o patrimonio arquitectónico ligado ao viño máis importante da Península Ibérica e substancia o principal motor termal de Ourense, a provincia máis termal de España.

Pero o Ribeiro son tamén, e eu diría que en primeiro lugar, persoas. Persoas que viven, que respiran, que traballan, que senten e que soñan. Son familias, con anhelos, con proxectos, con investimentos e con ilusións de vida. Son uns heroes e heroínas que todos os días, afastados do cadro oficial dantesco que ofrecen os xornais e telexornais, viven a realidade da súa propia intrahistoria: unha realidade cada día máis dura, incerta e testuda.

Neste momento unha ameaza importante plana sobre el e faise imprescindible atacala como obxectivo prioritario denantes que comprometa de xeito irremediable ao noso gran motor económico. Refírome ao gran problema da diminución da nosa base territorial produtiva que ano a ano se alimenta do abandono por unha estrutura da propiedade moi fragmentada, por unha idade media moi alta e por unha baixa profesionalización.

O Ribeiro precisa terra para que ese motor funcione a pleno rendemento.

Hoxe, dende a soidade do meu escritorio, quero lanzar para a reflexión unha idea: Por riba de cuestións ideolóxicas, de estratexias electorais e de bandeiras políticas hai unha verdade inmutable: a enocomarca do Ribeiro existe e o seu futuro pode estar en cuestión nestes intres.

Por iso coido que todos os organismos con competencias neste territorio estamos ligados a el por un compromiso e unha responsabilidade. O compromiso de traballar por aqueles aos que representamos e a responsabilidade de facermos todo o posible por atopar solucións aos seus problemas. E de facelo xuntos. Nisto radica o sentido de enocomarca.

Juan M. Casares é presidente do Consello Regulador dá Denominación de Orixe Ribeiro