Ourensáns e turistas degustan O Ribeiro a través do viño

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

As catas a cegas da feira enchéronse este sábado

31 may 2021 . Actualizado ás 18:25 h.

A edición número 58 da Feira do Viño do Ribeiro foi máis discreta e sinxela que as anteriores. Pero polo menos foi. E garantindo a seguridade fronte ao covid en todo momento con distancias, máscaras e a utilización de espazos moi diferenciados para cada actividade programada. A pandemia anulou a edición do 2020 pero tanto o consello regulador da denominación de orixe como o Concello de Ribadavia traballaron para póla en marcha unha vez máis, tratando de recuperar a tradición e a normalidade tras a tormenta pandémica. «Facía moita falta recuperar este tipo de lecer e tiñamos moitas ganas, a verdade», afirmaba Roberto Doado. O mozo foi un dos asistentes ás catas a cegas que se organizaron dentro da igrexa da Magdalena, en pleno barrio xudeu do municipio ribadaviense. Na actividade, os participantes catan quince variedades do Ribeiro, ao fresco que dá a pedra do templo e nun tempo aproximado de media hora. Cuesta cinco euros e completou a capacidade en practicamente todas as horas que estaban programadas, aínda que continúa habendo catas hoxe, tanto pola mañá como pola tarde. Roberto acudiu desde Salamanca e xunto á súa noiva, a ourensá Jessica González, a quen veu visitar a fin de semana. «Gústannos moito este tipo de plans, que nos permiten aprender sobre enoloxía, ao mesmo tempo que gozamos dun pouco de turismo», dicía Roberto ao chegar ao recinto, xusto despois de desinfectarse as mans con xel e antes de ser dirixido á mesa reservada para gozar da experiencia xunto a Jessica. Eles aproveitaron para relaxarse nas termas de Prexigueiro e tamén para comer nun dos restaurantes da Praza Maior de Ribadavia.

A Feira do Viño tamén tivo este sábado programación pensada para profesionais do mundo da viticultura. Pola sede do Consello Regulador, xunto ao edifico de Correos do municipio, pasaron adegueiros, críticos e amantes do viño e da súa historia, que atenderon con curiosidade e interese aos relatorios de especialistas como o divulgador Luis Paadín. O Persoeiro de Honra do Ribeiro 2020, falou dos caldos da zona ourensá a través da análise da uva. «O que trato de transmitir é que o viño representa algo, ten emoción. Eu non lle pido que saiba ben, pídolle que sexa honesto e a partir de aí decido cando bebelo», dicía durante a súa conferencia.