Case a metade dos ourensáns xa recibiron, polo menos, unha dose da vacina contra o covid-19

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O Sergas citou este martes a 3.100 persoas no recinto feiral de Expourense

11 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Con máis de 200.000 vacinas administradas, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras afronta esta segunda semana de maio con case a metade da poboación da provincia a medio camiño da inmunización. O Sergas estima que un 49,4 % dos ourensáns xa recibiron, polo menos, unha dose contra o covid-19.

De feito, son 70.000 veciños os que xa completaron a pauta. O groso, con Pfizer (63.910), mentres que un total de 4.776 recibiron as dúas doses con Moderna e a outros 1.238 administróuselles a monodose de Janssen -esta última, empregada especialmente con persoas dependentes e a domicilio-.

A rolda de citacións continúa hoxe. Hai 3.100 persoas convocadas para acudir ao recinto feiral de Expourense , no que supón o debut dos menores de 59 anos na área sanitaria. En paralelo, continuarase a administración de segundas doses a aqueles ourensáns de entre 70 e 80 anos que están pendentes de completar o proceso. Ademais de en Expourense, citarase no CHUO e nos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras.