O actor Luís Tosar únese á defensa da Universidade Popular de Ourense

La Voz OURENSE

OURENSE

El actor Luis tosar.
O actor Luis tosar. Alicia García de Francisco | EFE

A recollida de firmas xa suma 2.429 apoios

11 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A campaña cidadá que se puxo en marcha para loitar contra o peche da Universidade Popular segue sumando apoios. Un dos últimos que recibiu é o do actor Luís Tosar, que difundiu un vídeo nas redes sociais mostrando o seu respaldo á continuidade deste servizo.

Segundo di, leva moitos anos ligado de forma especial a Ourense e, entre outras cousas, débese á actividade cultural que tradicionalmente existía na cidade. Na súa intervención fala de que «os propios cidadáns consumían esta cultura de xeito incontestable». Pero, segundo di, «a educación e a cultura en Ourense están sendo perseguidas». E, neste contexto, engade: «Hoxe en día está en perigo de extinción a Universidade Popular». Tosar sentencia: «Non o podemos permitir. Sen educación e sen cultura non somos nada, non somos seres humanos, non somos sociedade, desaparecemos como pobo».

Recollida de firmas

O do actor é só un dos moitos apoios recoñecibles que recibiu a campaña nas últimas semanas. Como el, tamén publicaron vídeos ou mensaxes de apoio personaxes como Miryam Galego, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Fernández Naval, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Fernando Dacosta. Por outra banda, segue aberta a recollida de firmas iniciada na plataforma change.org, na que poden participar todos os cidadáns que o desexen. Ata onte asinaran en defensa da Universidade Popular 2.429 persoas.