«É prioritario achegar a figura de Otero Pedrayo aos estudantes»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

José Eduardo López Pereira quere vincular ao escritor de Trasalba coas novas xeracións

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O ourensán José Eduardo López Pereira, catedrático de Latín da Universidade da Coruña, naceu en Trasalba (Amoeiro) en 1954, sesenta e seis anos despois de que o fixera Ramón Otero Pedrayo. O director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia recorda con especial cariño a súa relación co escritor xa dende cativo: «Con só seis ou sete anos, acompañábao algunhas tardes, e dende entón tiven contacto con el constante. Cando me fun a Salamanca a facer Filoloxía Clásica, alegrouse moitísimo». De feito aquí xurde unha das anécdotas máis especiais entre Eduardo e o autor: «Como regalo, dedícame o seu gran libro Arredor de si dicindo que chegaría a ser doutor, e ben non se equivocaba, porque me doutorei pola Universidade de Santiago. E cando escribo o meu primeiro artigo científico xa coma profesor en Compostela, en 1974, mándame unha nota na que me felicita polo texto e me di que chegarei a ser catedrático. Así foi». O que non imaxinaba naquel momento Otero Pedrayo era que ese mozo se convertería no novo presidente da fundación que leva o seu nome.

-Como afronta a presidencia?

-Para min é a cima do meu currículo e faime moitísima ilusión pola estreita relación que tiven co escritor. Ademais hai moi poucas fundacións que poidan facer gala do nivel institucional, intelectual e cultural co que conta o padroado da de Otero Pedrayo. É unha aventura na que estou moi ben acompañado, porque na miña comisión de goberno está a decana da Facultade de Historia de Ourense, Susana Reboredo; tamén a investigadora e experta no autor de Trasalba, Patricia Arias Chachero; o arquitecto Iago Seara; e o director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro. Traballaremos coma un equipo, cóbado con cóbado para levar a cabo todas as accións que nos propoñamos nestes próximos catro anos.

-Cales son eses obxectivos?

-Son varios, pero vou empezar polos que levan máis sentimento implícito. O primeiro sería achegar a figura e a literatura de don Ramón aos estudantes de Bacharelato, porque cada vez somos máis vellos os que estamos aí no padroado. É un autor fundamental que non se pode esquecer e para iso pretendemos crear un premio dirixido a estes rapaces, co que agardamos arrancar xa no curso que entra.

-Como pretenden facelo?

-Pois imos deseñar un concurso para que os estudantes, ao longo do curso, poidan presentar os seus traballos. Cada ano xirará en torno a un tema concreto dentro da historia de Otero Pedrayo que pode estar relacionado coa lingua galega, coa parte máis cultural, social, política ou literaria. O gañador recibirá un premio e o centro tamén se levará un recoñecemento. Queremos que os rapaces, ao mesmo tempo que preparan o exame de acceso á Universidade, afonden na figura do autor de Trasalba.

-Pensan que se está desvinculando das novas xeracións?

-Si. E xa non só iso, senón que hai moitos datos da vida e obra de don Ramón nos que non se recada popularmente e que son fundamentais para entendelo. Queremos que a xuventude saiba todo o que este escritor representou no eido da cultura e da política. Achegarllo de forma que o reteñan e que lles interese, porque tamén queremos integralos no novo padroado.

-Como o farán?

-Pois para integralos no padroado xa encarguei un regulamento interno para buscar a fórmula de que, sen prescindir dos padroeiros que xa están, se permita que vaian entrando outros máis xoves. Imos intentar reelaborar os artigos dos estatutos nos aspectos que sexan máis necesarios. Hai padroeiros que dende o ano 2001 non se pronuncian, pero é que polo feito de estar eles, impiden que se poida meter no seu lugar a alguén máis novo, preocupado e interesado polas cuestións relacionadas coa Fundación Otero Pedrayo. Debemos renovarnos sen prescindir das eminencias coas que xa contamos no noso padroado.

«Queremos abrir un expediente para que a obra do autor sexa declarada Ben de Interese Cultural»

-A renovación do padroado e o achegamento de Otero Pedrayo aos máis mozos, non son os únicos obxectivos que se plántea nesta nova aventura.

-Tamén queremos implicar a imaxe e obra do escritor no proxecto europeo dos chamados roteiros literarios ao pé do Camiño de Santiago. E é que a Vía da Prata pasa por Amoeiro, a 6 quilómetros do Pazo de Trasalba, por iso queremos que esta construción e a súa historia estean contempladas na iniciativa europea. Estas serían algunhas das ilusións máis inmediatas que quixera conseguir, pero hai outras máis profundas e a largo prazo para estes catro anos. Entre eles está acadar a declaración da Casa Grande coma territorio histórico de acordo coa Lei de Patrimonio Cultural Galego e, aínda máis, gustaríame abrir por primeira vez un expediente de Ben de Interese Cultural pero non só para o material, tamén para a obra de don Ramón, para todos eses bens inmateriais e intelectuais.

-E nos primeiros días coma presidente tocou presentar o Premio Trasalba...

-Si, a verdade é que non perdemos nin un minuto para comezar a traballar. A votación na que saín presidente foi un sábado, e o domingo as dez e media da mañá estaba xa coordinando e organizando a presentación do Premio Trasalba. Queriamos que este ano fose de novo presencial no propio pazo e conseguímolo.

-E o premio foi, por unanimidade, para María Victoria Carballo-Calero.

-Penso que era un premio que se estaba pedindo e que enlaza moi ben co feito de que no 2020 Carvalho Calero fose o autor recoñecido polas Letras Galegas. María Victoria é unha profesional que ten méritos dabondo para recibir o Trasalba e que leva no padroado máis de 25 anos.