Sen casos de covid-19 no 57 % dos concellos da provincia de Ourense

Pablo Varela Varela
P. Varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Na área sanitaria, ás portas da conclusión do estado de alarma, contabilízanse 272 afectados

07 may 2021 . Actualizado ás 16:24 h.

A área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras amenceu este venres cunha mínima subida na curva de casos activos de covid-19 . Son 272 os infectados —un máis que os notificados na xornada previa—, dos cales 98 están asociados á capital. A urbe das Burgas mantense un día máis roldando o centenar, xa ás portas do cribado que o Sergas executará mañá no pavillón de Oira, con 2.000 veciños do barrio da Ponte citados pola alta incidencia de casos no distrito.

En Verín, caen os afectados a 21, catro menos que o xoves. Non moi lonxe de alí, en Laza , as autoridades sanitarias cifran os casos en 19, igual que onte. En Xinzo tamén se equilibra o seu balance particular, nos 15. 

Xa por baixo de dobres díxitos están Cualedro e O Barco de Valdeorras, que caen aos 9 afectados. Ribadavia e Barbadás están en 7; Toén e Allariz en 5; e en municipios como Sandiás, A Merca, Lobios e Carballeda de Valdeorras contabilízanse 4. 

Mentres, hai un total de 53 concellos da provincia onde non se contabilizan casos. En cifras, isto implica que o 57 % dos que integran o territorio esquivan, polo momento, o coronavirus.

Baixa a presión asistencial en planta

O Sergas notificou este venres que hai un total de 19 pacientes ingresados por covid-19 na provincia. Todos eles, no hospital de Ourense. Son 12 os que están en planta —tres menos que onte—, mentres que en uci mantéñense hoxe nos 7.