O Barco destinará 41.000 euros á revisión de prezos da recollida de lixos

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

OURENSE

LOLITA VAZQUEZ

O pleno aprobou a bonificación do 75 % da cota do ICIO para a obra da rúa Buraco

07 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non houbo sobresaltos no pleno do Barco do mes de maio. Pouco menos de hora e media durou a reunión do goberno municipal deste xoves. Aprobouse por unanimidade a bonificación do 75 % da cota do ICIO para unha obra realizada na rúa Buraco, que conta con esta vantaxe por supor unha mellora na zona vella da vila. Tamén por unanimidade aprobouse a modificación do orzamento do Concello mediante un suplemento do crédito financiado con remanente da tesourería para gastos xerais. O pleno deu luz verde a unha ampliación de 41.000 euros que se investirán na revisión dos prezos da empresa que se encarga da recollida de lixos e da limpeza viaria. Dentro desa nova cifra económica vai incluído o diñeiro necesario para cubrir a revisión dos anos 2019 e 2020, que estaban pendentes, e tamén do 2021.

Por outra banda o grupo de goberno aprobou, como é habitual nos primeiros meses do ano, un recoñecemento extraxudicial. «Hai facturas xeradas no 2020 que entran no 2021 e o único modo de aprobalas para pagalas é en pleno», explicaba Alfredo García, alcalde do Barco. Neste caso aceptouse o pagamento de 104.000 euros en facturas que correspondían sobre todo a temas de luz e de redacción de proxectos.

Riada Cidadá propuxo unha moción, que se aprobou con 12 votos a favor, para solicitar á Xunta e ao Goberno Central unha lexislación adecuada para impedir que se pechen máis oficinas bancarias no Concello. Algo que, explican, afecta directamente ao despoboamento do rural e á perda de postos de traballo no municipio.